Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP esixe a Tomé a instalación de quitamedos na estrada LU-P 1906, de A Fonsagrada a Ribeira de Piquín, para mellorar a seguridade ata a execución das obras que reclaman os veciños

Lugo, 05 de marzo de 2021. Na provincia de Lugo, cada día máis veciños e corporacións municipais únense ao coro, xa abondoso, de lucenses que reclaman da Deputación que acometa as obras de reparación que son necesarias para poder circular con seguridade e comodidade polas estradas que dependen da Deputación. Esta mañá o portavoz popular, Javier Castiñeira, visitou a LU-P 1906, que enlaza A Fonsagrada con Ribeira de Piquín. “Hoxe vivimos na Fonsagrada –dixo Castiñeira- o enésimo capítulo da serie Estradas Provinciais en Pésimo Estado, acompañados por José Luís Regueiro, voceiro do Partido Popular nesta localidade, e tamén por varios veciños. Comprobamos o pésimo estado da estrada LU-P 1906; son máis ou menos 13 quilómetros que descorren practicamente metade por metade por cada un destes concellos”. Anunciou a presentación dunha iniciativa na Deputación, na mesma liña que as defendidas nos dous concellos afectados, co obxectivo de que o organismo provincial instale con urxencia quitamedos en distintos tramos, como medida provisional ata a execución das obras que son precisas nesta vía.

Castiñeira explicou: “É unha estrada que está moi mal estado; ten moitas curvas e é estreita, pero o máis preocupante é a falta de quitamedos. Por esta vía pasan autobuses, vehículos pesados e un alto número de turismo. Dá acceso á comarca da montaña e facilita o enlace con A Mariña, a estrada de Meira e Vilalba. Ten bastante tráfico e dá acceso a varios núcleos de poboación dos dous concellos citados. Soporta tráfico de buses escolares. É unha estrada de alta montaña, que se ve moi afectada durante o inverno; este ano foi duro e preocúpanos a súa perigosidade xeral e, especialmente, a falta de quitamedos”.

O portavoz popular di que esta queixa e preocupación expona e compártea o PP, pero destácana as corporacións municipais. Castiñeira sinalou: “É preciso que esta vía sexa arranxada o antes posible. As queixas dos veciños, neste caso como noutros, son absolutamente razoables e motivadas e queremos que as obras de reparación se acometan de inmediato”. Lembrou que “o presidente da Deputación xa dixo en máis dunha ocasión que non pensa dar máis ancho as estradas provinciais; un exemplo da necesidade de ampliar algunhas estradas é a que vai de A Fonsagrada a Navia; so foi ampliado o ancho en catro quilómetros en cada unha das cabeceiras, quedando discriminados os núcleos de poboación do centro, que son pobos que teñen os mesmos dereitos que os demais”.

Exit mobile version