Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP denuncia que se convoque a liquidación de Xestión de Servizos A Fonsagrada S.L sen amosar antes as súas contas

A Fonsagrada, 26 de marzo de 2021. O voceiro do PP de A Fonsagrada, José Regueiro, denuncia que a liquidación de Xestión de Servizos A Fonsagrada S.L sen amosar, previamente, a contas e a actividade desta sociedade. O popular defende que, para levar a cabo este trámite, se debería con anterioridade auditar esta entidade, co fin de poder valorar o sentido do voto na Xunta Xeral da que forman parte todos os integrantes do Pleno municipal e de garantir a máxima transparencia no proceso.

“Non é de recibo que fixen a liquidación sen explicarnos que foi o que fixo esta sociedade, a que se destinaron os fondos que recibiu e como se atopa na actualidade para querer disolvela. Esiximos, por tanto, claridade e que o proceso sexa o máis limpo posible”, remarca Regueiro. E é que, segundo se pode extraer dos informes do servizo de Secretaría do Concello, fíxase para o 13 de abril unha Xunta Xeral Extraordinaria porque, din literalmente, dita sociedade carece de actividade, non ten presentadas as contas anuais nos últimos cinco exercicios e carece de persoal para desempeñar as súas funcións.

“Resulta, cando menos, chamativo que o fagan”, advirte o popular, pois, segundo o mesmo documento, trátase dunha sociedade mercantil de capital integramente municipal que ten por obxecto a xestión, promoción e desenvolvemento do proxecto municipal aprobado en outubro de 1998, denominado Fonsagrada 2000. Creación e participación en proxectos industriais e empresariais para a promoción do concello e da comarca, en concreto, industrias ou empresas agrícolas derivados, gandeiras e derivados, madeira e derivados, ensino e formación privada, mesmo profesorado: construción e derivados, transportes e comercio menor e maior de 105 produtos derivados de todas as actividades mencionadas.

2ª convocatoria en 4 meses
“Estamos a falar dunha sociedade que se creou e se sostivo a longo destes anos con fondos públicos sacados directamente do Concello e, por tanto, de todos os fonsagradinos. Leva moitos anos en activo e algo raro debe de haber para que agora se propoña novamente a súa liquidez”. E é que esta sería a segunda vez que se convoca en catro meses. En decembro someteuse a votación, obtendo a oposición de populares e nacionalistas. Agora voltan a convocala, o que para Regueiro significa que pode haber un cambio no sentido do voto do BNG. “Esta é a dinámica do Bloque da Fonsagrada que, na primeira volta, vota en contra do PSOE e, na segunda, recúa e dá o visto e prace, pero o lóxico é que se nos dean as explicacións oportunas antes de facer nada de nada”, insiste.

O PP, ante “a opacidade, imprecisión, escurantismo e falta de información”, coa que se está a levar a cabo este asunto, volverá a oporse á disolución.

Exit mobile version