Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP defenderá no pleno deste martes un plan de mellora das estradas da rede viaria provincial

Lugo, 29 de marzo de 2021. Por toda a provincia hai queixas polo mal estado de moitas estradas provinciais, como comproba o grupo popular nos seus continuos desprazamentos polo territorio lucense. Os populares, á vista das moitas queixas recibidas, consideran necesario programar unha intervención planificada na rede viaria dependente da Deputación. Neste sentido, o portavoz do PP, Javier Castiñeira, anuncia que na orde do día do pleno que celebrará mañá a Deputación figura a moción que presentou “para solicitar un novo plan plurianual de rehabilitación dos firmes das estradas provinciais”. Explica que “o PP leva semanas percorrendo a provincia, acudindo á chamada de moitas asociacións de veciños e alcaldes, que ven como as principais vías de comunicación nos seus concellos e con concellos limítrofes, que son propiedade da Deputación, están en estado intransitable”.

Castiñeira lembra que “o último plan de estradas que se levou a cabo foi o 2017-2019, gracias a un acordo entre o socialista Darío Campos e a popular Elena Candia, no anterior mandato; foi un acordo moi ben visto por alcaldes de diferente cor política”. Foi un acordo, di, que permitiu “que moitas estradas foron arranxadas e hoxe dan moi bo servizo a toda a provincia”. Fronte a esta maneira de proceder en política, “o delegado de Vías e Obras, Tomé, mantén a súa obsesión de non seguir un plan determinado e improvisar, ou, o que é peor, definir por el mesmo que estradas se arranxan e cales non, seguindo unicamente criterios de afinidade política e non de necesidade”.

O portavoz popular di: “Está claro que o de repartir obxectivamente a Tomé acomódaselle mal; a mellor proba é a súa propia delegación, a de Vías e Obras, que sen dúbida é a peor vista da Deputación e a que máis queixas ten. Vemos como diariamente entran na Deputación reclamacións de veciños por danos nos seus vehículos, algo que é absolutamente inaceptable, non só polo dano que se lle fai ás arcas provinciais, senón polas molestias que se causan aos veciños, especialmente aos veciños do rural”.

Castiñeira explica: “Pedimos que se deseñe e se execute un plan con investimentos pactados, durante varios anos, baixo criterios de necesidade, con análise técnica; o PP ofrécese a traballar nunha xunta de portavoces desde mañá mesmo”. Engade: “Pedimos o mesmo para o uso da maquinaria do Parque Móbil Provincial, porque, como todo o mundo sabe, hai concellos que levan anos sen ver estas máquinas e hai que planificar o seu uso, seguindo criterios técnicos e de necesidade e non de afinidade política como se está a facer a día de hoxe”.

Exit mobile version