Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro pide solucións para facilitar local a ASPANANE

Viveiro, 16 de marzo de 2021. Cando os xestores públicos son incapaces de resolver os problemas que afectan directamente aos cidadáns, as sociedades teñen un grave problema. Iso é o que ocorre en Viveiro, cuxo goberno municipal non logra dar solución a cuestións tan relevantes para moitos cidadáns como é a consecución do local para a residencia da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPANANE) de Viveiro, actualmente ocupado polo Escola Oficial de Idiomas (EOI). O grupo municipal do PP, á vista da negativa da Tesourería Xeral da Seguridade Social a ceder o colexio Vello de Celeiro para acoller a EOI, insta á alcaldesa María Loureiro e ao seu equipo a buscar fórmulas alternativas.

A citada asociación ten a súa sede na planta baixa do edificio no que, no primeiro piso, está ubicada a Escola Oficial de Idiomas. O traslado da EOI á escola vella de Celeiro, posibilitaría que ASPANANE ocupase a primeira planta para convertela en residencia. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, di que unha vez máis se pon de manifesto a total falta de peso político da alcaldesa socialista, que non consigue que o Goberno “amigo” de Pedro Sánchez ceda a antiga escola. Rodríguez di: “É especialmente chamativa esta decisión do Goberno despois de que en Cervo se trasladou a escola infantil á Casa do Mar despois de lograr a súa cesión, tras largas xestións coa Dirección Xeral de Costas, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Dirección Xeral de Patrimonio do Estado”.

Os populares de Viveiro destacan o gran labor que leva a cabo a asociación ASPANANE e fanse eco da preocupación desta entidade polos continuos retrasos nas xestións para conseguir o local que precisan para abrir a moi necesaria residencia. Rodríguez insta “á alcaldesa a que se poña as pilas e, baixo a fórmula que sexa, se reubique a Escola Oficial de Idiomas, para que a asociación poida converter os locais que hoxe ocupa a EOI en residencia”.

Rodríguez destaca: “Unha vez máis, queda de manifesto a incapacidade de xestión do goberno de Viveiro, que, cando non é por unha cousa é por outra, non consigue solucionar os problemas que afectan aos cidadáns. A súa falta de peso político e de relevancia no seo do PSOE supón unha grave rémora para Viveiro, e especialmente para aqueles sectores socialmente máis necesitados de atención. Urxe que a señora Loureiro se poña as pilas e busque unha solución para que ASPANANE poida dispoñer canto antes do local que precisa para abrir a súa residencia”.

Exit mobile version