Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de A Fonsagrada di que o alcalde cubre a praza da Biblioteca coa de Turismo

A Fonsagrada, 11 de marzo de 2021. Finalmente confirmáronse as sospeitas dos populares de A Fonsagrada respecto da praza da bibliotecaria, de tal xeito que o alcalde mentiu ao afirmar que este posto, que quedou vacante por mor dunha baixa maternal, se ía cubrir con carácter inmediato e a tempo completo.

Concretamente, tal e como se pode comprobar no perfil de Facebook do propio Concello, é a traballadora de turismo a que está a prestar esta función, de la xeito que, pola mañá, atende esta oficina na que está contratada e, pola tarde, a Biblioteca municipal.

“Isto é o que nos temíamos porque xa o fixo con anterioridade. Non existe ningunha vontade por parte do goberno local de seguir mantendo este servizo tan demandado na Fonsagrada. A Biblioteca é un lugar moi visitado polos veciños e, de forma moi especial, polos rapaces máis pequenos que incluso precisan reforzo escolar e que acodían a ela para recibir este servizo”. “Queda claro, sinala, que o alcalde mentiu descaradamente”, remarca Regueiro.

Diante esta situación, José Regueiro afea ao rexedor socialista, que hoxe participou xunto a outros alcaldes do seu partido, no acto da Deputación para presentar unha nova iniciativa turística, que “mal xestione” deste xeito as dúas dependencias municipais

“Todo o que se faga por promocionar o municipio valorámolo positivamente, pero tamén sería moi positivo e incluso sería o razoable non ter á traballadora da oficina de Turismo traballando nos dous sitios. Promocionar o noso concello tamén pasa por dotarnos de servizos e non de quitalos”, destaca o voceiro do PP.

Sen axudas concretas da Deputación
A este respecto, Regueiro bota en falla que a iniciativa presentada polo organismo provincial non conleve axudas económicas para o sector da hostalería e os autónomos que están a ver moi mermados os seus ingresos e incluso periga a súa continuidade por mor da pandemia sanitaria. “A páxina web que presentaron parécenos un bo escaparate pero o sector tamén precisa inxección económica para recuperar o perdido. Pensabamos que, desta volta, o presidente si sería sensible ás necesidades da hostalería pero, xa vimos que non é así. Lamentamos, profundamente, esta falta de axudas da Deputación”, conclúe.

Exit mobile version