Site icon Crónica3.com A Mariña

O parque infantil do Xardín de Ribadeo reabre este venres

Ribadeo, 11 de marzo de 2021. Mañá, venres, terá lugar a reapertura do parque infantil do Xardín, tras as obras de mellora e ampliación realizadas nas últimas semanas. Duplicouse a superficie, instalouse un valado novo e os pícaros e pícaras poderán gozar dun tobogán grande, dunha cama elástica e dunha pista multideporte, entre outros xogos. O investimento realizado pola Área de Mocidade da Deputación ascendeu a 52.600 euros.

A responsable da Área de Mocidade da Deputación, Mónica Freire, subliñou que “esta mellora e ampliación do parque do Xardín, de Ribadeo, encádrase na liña de colaboración aberta cos Concellos para mellorar os espazos públicos destinados á mocidade, desde a nosa Área da Deputación Provincial de Lugo”.

A deputada ribadense considera que “estas dotacións son fundamentais para facilitar aos nenos e ás nenas e tamén aos adolescentes alternativas de ocio que sexan activas e saudables. E tamén oportunidades de socialización, máis aínda no medio dunha pandemia como a que nos toca vivir agora mesmo, que nos limita na mobilidade e tamén nos condiciona nas relacións sociais. Nesta situación todos valoramos máis aínda a posibilidade de dispoñer destes espazos ao aire libre”.

Mónica Freire engadiu que “no tocante ao investimento, desde a Área de Mocidade da Deputación de Lugo destinamos un total de 52.600 euros a estas obras de mellora e ampliación deste parque infantil do Xardín”. Os traballos foron realizados por Tragsa.

O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, explicou que “alí fíxose unha ampliación e agora ten o dobre de superficie. Ademais instaláronse varios aparatos novos: un tobogán grande e diferente aos que hai nos outros parques de Ribadeo, unha cama elástica e unha pista multideporte”.

O edil nacionalista cre que “era unha necesidade porque era un parque pequeno pero agora, con esta obra, creo que os nenos e as nenas desta vila van ter outro sitio onde xogar e esparexerse. Nesa zona estanse facendo tamén outros traballos, como no xardín indiano, para mellorar ese lugar”. E insistiu en que “a partir de mañá, venres, o parque infantil estará aberto para todos os nenos e nenas que queiran gozar del”.

Mónica Freire e Jorge Díaz visitaron nas últimas horas o parque infantil do Xardín xunto ao alcalde, Fernando Suárez, e aos concelleiros de Desenvolvemento Local, Cultura e Igualdade, Pablo Vizoso, Pilar Otero e Mariluz Álvarez.

Exit mobile version