Lugo, 31 de marzo de 2021. A deputada Mónica Freire supervisou a montaxe do novo parque de skate de San Cosme de Barreiros, financiado pola área de Mocidade da Deputación Provincial de Lugo. O espazo, situado na parte traseira do teleclube, contará con catro elementos para a práctica desta modalidade deportiva, parte deles xa instalados e dispoñibles para a mocidade do municipio.
A deputada explicou que “nun ano marcado pola crise sanitaria, que puxo en valor o ocio ao aire libre, desde a área de Mocidade priorizamos os investimentos destinados a crear e mellorar espazos públicos para a infancia e a adolescencia en colaboración cos municipios”.
Así, lembrou que, “nas últimas semanas, remataron as obras de renovación e ampliación do parque infantil ubicado a carón do Concello de Trabada e do parque infantil do xardín en Ribadeo, proxectos que contaron tamén co financiamento da Deputación de Lugo, dentro do programa de creación de novos espazos de lecer para a mocidade e a adaptación e mellora dos xa existentes, cun investimento total de 91.000 euros”
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, explicou que “coa habilitación desta zona se atende unha demanda da rapazada de Barreiros, á que se ofrece unha alternativa da que ata agora non dispoñía”. Engadiu que “a creación do parque de skate enmárcase dentro das actuacións do goberno municipal para dotar a Barreiros de novas zonas de ocio adaptadas a todas as idades e preferencias”.
A área de Mocidade destinou 23.053,90 euros ao parque de skate, realizada pola empresa pública Tragsa, na súa condición de medio propio da institución provincial, mentres que o propio Concello de Barreiros destinou 1.011,85 euros de fondos propios.