Santiago de Compostela, 09 de marzo de 2021. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, fixo un chamado á lealdade do goberno galego para facer fronte ao brexit no que afecta á pesca galega. Así o dixo na comparecencia da conselleira de Pesca no Pleno do Parlamento de Galicia, no que lle afeou que cuestione o papel do Ministerio de Pesca vertendo “acusacións falsas”.
Otero sinalou que malia que o acordo “non é o desexado”, en cambio “é moito mellor que a expulsión da flota galega das augas británicas”, e lembrou que mesmo o ex conselleiro de Pesca do PP Enrique López Veiga “recoñecía que España non resultara excesivamente prexudicada neste acordo”.
Sinalou que este acordo exime de aranceis aos movementos de mercadorías, o que afecta tamén aos desembarcos de buques galegos no Reino Unido e viceversa. Neste sentido, explicou que o goberno central vén de incorporar aos portos de Burela e Celeiro á lista de localizacións nas que os barcos británicos poden descargar mercadoría.
Apuntou que os TACs e cotas de pesca acordados antes de que se asinara o acordo do brexit, concluíu cunha redución menor da prevista nos stocks das especies do Gran Sol, sinaladamente pescada, rapante e rape, mentres se manteñen sen modificacións a xarda, xurel e bacaladilla, propias do sur, e o ollomol e o alfonsino se mantiveron sen modificacións.
Acusou ao goberno galego de “colgarse medallas cando as cousas van ben pero ser os primeiros en abandonar o barco” cando hai dificultades. Esixiulles que “traballen todos xuntos” co goberno de España para garantir que os fondos de reconstrución europeos “cheguen da mellor forma posible para o noso sector” pesqueiro, que precisa de “novas fontes de financiamento” nas que a Xunta “ten moito que dicir”.
Lei de Costas
Otero criticou o “cinismo absoluto” do PP e do goberno galego, que “utilizan” a Lei de Cambio Climático para “meterlle medo ao sector”. Puntualizou que o texto “en ningún momento ataca á prórroga das concesións da ocupación de dominio público marítimo – terrestre, e puntualizou que “a única concesión que non foi prorrogada en Galicia foi retirada pola Xunta e non polo goberno central.