Otero replicoulle ao xerente do Sergas que “dicir que a atención está garantida e as prazas ocupadas é fallarlle aos veciños e veciñas da Mariña”. Fronte á versión oficial, a responsable socialista lembrou que no setembro pasado os tres médicos de Cardioloxía reducíronse a dous pola excedencia dun deles, e de novo en xaneiro a segunda cardióloga tiña que tomar unha baixa, sen que o Sergas cubrira as vacantes en ningún momento.
Actualmente o servizo está sen cubrir, cun único profesional médico para atender a unha poboación de máis de 70.000 habitantes. A responsable socialista lembra que “hai moitísimo tempo” que as esperas se prolongan ata os dous anos, o que evidencia a urxencia da cobertura do servizo “cando menos con 2 profesionais máis, e incluso é necesario incrementalo”.
Criticou que a Xunta fale de “cubrir o servizo trasladando profesionais doutro Hospital”, o que é “desvestir un santo para vestir a outro” cando é “obriga da Xunta anticiparse, ter previsión e non chegar tarde, mal e arrastro como estamos acostumados”. Lamentou que o goberno galego demostre “descoñecer a realidade dos feitos e darlle moi pouca importancia a estes servizos, sen recoñecer que a detección temperá de problemas cardíacos é prioritaria”.
Desmantelamento
Esta situación crítica, dixo, é un síntoma máis do “abandono e desmantelamento” da sanidade da Mariña por parte da Xunta a partires da supresión da Área Sanitaria, convertendo o Hospital da Costa nunha “sucursal” do Hula. A pesares da ampliación física do Hospital, este ven perdendo servizos constantemente e a lista de desagravios á sanidade da Mariña aumenta mes a mes.
Este centro vén de perder así servizos como Cirurxía Pediátrica, mentres Oncoloxía limítase á visita dos profesionais do Hula só en horario de mañá. Lamentou que no xa non se cambian nin axustan os marcapasos, e tampouco realiza intervencións de cataratas, fimosis, varices, intervencións de otorrino e larinxe ou partos de risco, co que obrigan aos pacientes a desprazarse ata a capital da provincia.
A perda da Área Sanitaria, continúa, xerou o “deterioro progresivo” da atención Primaria en toda a comarca, con problemas para atención pediátrica en Mondoñedo, Lourenzá, Barreiros ou Xove, con prazas descubertas en centros como os de Foz e Burela, ou a perda do segundo técnico da ambulancia medicalizada con base en Foz.