Santiago, 14 de marzo de 2021. O Grupo Popular vén de rexistrar no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei a través da que traslada ao Goberno de España a necesidade de incluír na modificación da LOREG o establecemento dun sistema que permita aos mariñeiros embarcados durante un proceso electoral exercer o seu dereito ao voto con todas as garantías.
A deputada popular Raquel Arias lembra que o pasado 4 de febreiro presentouse no Congreso dos Deputados unha Proposición de Lei Orgánica de reforma da Lei Orgánica 5/1985, do Réxime Electoral Xeral, para a regulación do exercicio do voto polos españois que viven no estranxeiro.
NON PODEN EMPREGAR O SISTEMA
“Nesta reforma do dereito de sufraxio dos galegos residentes fora do territorio español, non podemos esquecernos dos galegos que desenvolven de xeito cotiá o seu traballo no mar, en particular aqueles que o fan en Alta Mar, nos numerosos buques de pesca presentes nos principais caladoiros do planeta e mesmo tamén nos buques da Mariña Mercante”, sinalou.
Raquel Arias sinalou que “a gran maioría destes galegos non é quen de poder empregar o sistema para eles previstos de exercicio do voto no actual réxime electoral, pois a realidade do seu traballo dificilmente se pode acompasar co achegamento a terra nas datas que a lexislación electoral establece en función das convocatorias a urnas”.
Neste sentido, sinalou que “son moitos os galegos espallados polos océanos do mundo pero poucos os casos de persoas que ao longo da súa vida poden participar nalgún anecdótico momento nun proceso electoral, mais por coincidencias casuais de permanencia en terra por descansos ou por períodos de convalecencia que por ser capaces de adaptar a súa faena aos procedementos electorais”.