Ante a presión asfixiante das laranxas as locais tentaron sacar rédito á contra nun encontro de gran ritmo. Nos primeiros compases o Envialia puxo a proba a rede de Sandra Buzón en recuperación; con todo foi a calidade mariñá a que estreou o luminoso, con Cami, no minuto 4, con roubo en pista ourensá e perfecta definición. A primeira perigosa das locais tivo selo dunha antiga burelista, con recuperación de Jenny Lores á que non chegou Sara Moreno. Buscou o Pescados Rubén o segundo, cun pase longo a Ale de Paz que desartellou o pau, no 9, e cun erro de pase de Chiky, que interceptou Jane, no 10. Con cinco minutos para o descanso, as de Morenín non aproveitaron o dobre penalti de Iria Saeta para poñer táboas, estrelándose contra o pau, e pouco despois o brillo da 7 laranxa non perdoou para o 0-2, apoiándose en Leti para internarse pola banda e sentenciar de disparo cruzado. Acariñou Lara Balseiro o terceiro nos seus primeiros compases sobre a pista na recta final, que aínda lle outorgou un segundo dobre penalti a Iria, fronte á gran resposta de Sandra Buzón.
O Envialia tentou sorprender por partida dobre a Jozi Oliveira baixo paus. Pero apareceu a omnipresencia burelista para recuperala nas inmediacións da área ourensá e subir o 0-3 con Ale de Paz. O perfecto entendemento entre Peque e a de Neda a punto estivo de selar o cuarto segundos despois. No 27, Jane ao segundo pau de Luísa Mayara, e Peque, no 28, fronte a Vane tamén rozaron unha nova diana. Cando parecía que cada vez estaba máis preto o premio das mariñás, Mery avisou en estratexia sobre o ecuador da segunda parte para asinar segundos despois o 1-3, en segunda instancia, tras contragolpe de Chiky. Con cinco minutos e medio para o final, Ale de Paz viu a segunda amarela e o Pescados Rubén Burela FS quedou en inferioridade, pero non deixou de pelexar e, contra prognóstico, deu o mazazo definitivo no 37, cunha gran galopada e sentenza de Dany. Respondeu o Envialia con Jenny Lores como porteira xogadora ante a perfecta defensa do Burela que aínda dispuxo de dúas boas oportunidades con Dany e Peque.
Ficha técnica
Ourense Envialia FSF: Vane, Laura Uña, Chiky, Jenny Lores, Iria Saeta, cinco inicial; tamén xogaron Sara Moreno, María Arias, Judith, Mery, Paula, Susana
Pescados Rubén Burela FS: Sandra Buzón, Dany, Peque, Cami, Ale de Pz, cinco inicial; tamén xogaron M. Cortés, Luísa Mayara, Bea Mateos, Jane, Elena Aragón, Lara Balseiro, Jozi Oliveira
Goles: 0-1, minuto 4, Cami; 0-2, minuto 16, Peque; 0-3, minuto 23, Ale de Paz; 1-3, minuto 31, Mery; 1-4, minuto 37, Dany
Árbitros: Vilas López // Menéndez Nistal (Galicia). Por Ourense amarela a Iria Saeta (minuto 10). Por Burela amarela a Ale de Paz (minuto 10 e 35), Bea Mateos (minuto 33)
Incidencias: Partido correspondente á xornada 1 da segunda fase de Primeira División Feminina disputado nos Remedios de Ourense