Viveiro, 3 de marzo de 2021. O Concello de Viveiro anuncia á veciñanza a súa decisión de reabrir este venres os parques infantís do municipio, pechados no seu día para cumprir as recomendacións sanitarias.
Grazas á boa evolución da situación epidemiolóxica e tras as novas medidas postas en marcha o pasado venres en toda Galicia, o grupo de goberno tomou a decisión de reabrir estes espazos de lecer para nenos e nenas.
Co obxectivo de evitar calquera tipo de risco, o concello pide á cidadanía prudencia e o cumprimento das normas do comité clínico da Xunta para este tipo de parques.
En concreto, as autoridades sanitarias aseguran que os parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas, pistas de skate ou espazos de uso público ao aire libre similares poderán estar abertos ao público sempre que neles se respecte o uso de máscara e unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados.