O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, lembrou que os cálculos realizados ao comezo do anterior estado de alarma seguen a ser válidos para a práctica totalidade dos locais de hostalería.
O edil dixo que “dende o Concello de Ribadeo queremos informar que os criterios e os cálculos de aforo total realizados, e entregados ao comezo do anterior estado de alarma, seguen sendo válidos para a práctica totalidade dos locais de hostalería e os establecementos comerciais. Sobre ese cálculo, que é o aforo total do local, hai que aplicar as porcentaxes que en cada momento establece a autoridade sanitaria, actualmente o 30% no interior e o 50% nas terrazas para os locais de hostalería”.
Vizoso Galdo subliñou que “de tódolos xeitos, e sobre todo para aqueles bares e restaurantes que teñan algún tipo de dúbida ou que, ata este momento, non solicitaran a información sobre aforos, o Concello pon á súa disposición os servizos e os técnicos correspondentes. Deste xeito, os interesados deberán presentar na oficina do arquitecto municipal un plano a escala, por exemplo o que serviu para conceder a licenza no seu día, ou no seu defecto un croque detallado coa superficie do local e tamén a superficie da barra, dos baños, do almacén e da cociña para seren descontados no cálculo que hai que realizar”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo explicou que “os interesados poden presentar esta documentación durante esta primeira semana de marzo e os servizos de arquitectura farán entrega deste informe de aforos o venres 5 de marzo”.
Pablo Vizoso aproveitou para agradecer “a súa actitude e seguir recomendando a toda a poboación, titulares de comercios e de establecementos, clientes e usuarios, que entre todos debemos colaborar e cumprir as normas sanitarias para ir acadando día tras día mellores posicións e poder desfrutar canto antes dunha normalidade o máis plena posible”.