O alcalde, Fran Cajoto, anuncia que se vai renovar completamente o firme en 900 metros de vial, desde o cruce do camiño que une a basílica de San Martiño con Ferreira Vella, ata o núcleo de Vilela. “É un camiño que se encontra en moi malas condicións, petición tamén da asociación de veciños, e no que se van a limpar as marxes e dispoñer unha capa de rodadura de aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor”, explica o rexedor municipal.
Ademais Fran Cajoto indica que “o pasado venres tamén se remitiu a AGADER a solicitude correspondente ao Plan de Mellora de Camiños 2021-2022, neste caso cunha actuación centrada en Mañente (Vilaronte). Nesta ocasión o equipo de goberno decidiu centrarse en dous viais moi empregados nesta zona, tanto pola maquinaria agrícola como polos veciños, e que serve de conexión tamén do núcleo de Mañente coa estrada autonómica LU-152 Foz-Ferreira e a estrada provincial LU-P-2004. Cun firme moi deteriorado, vaise proceder tamén á limpeza de marxes, aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor e pintado, para unha lonxitude de actuación de 940 metros de viais municipais.”
O alcalde engade: “desculparnos polas molestias que as obras ocasionarán aos veciños de Vilela, que comezarán nas próximas semanas. E os traballos de mellora en Mañente prevense para comezos do vindeiro ano 2022, previa aprobación do proxecto pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que financia as actuacións conforme aos proxectos redactados polos técnicos municipais e definidos polo goberno local de Foz”.