O edil de Deportes declarou que “nestes días desde a Concellería de Deportes vimos de facer entrega dun material deportivo ás escolas deportivas do club de atletismo, de recente creación. Colaboramos con eles nas equipacións que están dando aos nenos, nas que vai promocionado o Concello de Burela. Era unha promesa que tíñamos feito co club de atletismo en canto a súa creación fora efectiva”.
Fernández Rey salientou que “eles están traballando moi ben. Teñen moitos nenos e nenas apuntados nas escolas deportivas e nosoutros, como sempre dixemos, imos colaborar con eles en todo o que poidamos.
Estes días, tanto o alcalde como eu, fixemos entrega deste material ao presidente do Club Atletismo Burela, que é Pablo Mon. O técnico deportivo, Iván Cao Lucas, tamén se encargou de ir repartindo ese material”.
O concelleiro burelés engadiu: “imos seguir intentando colaborar, intentando axudar en todo o que poidamos tanto ao club de atletismo como ao resto dos clubs de Burela. Esperemos que dunha vez por todas pase esta pandemia e poidamos volver facer probas deportivas sen ningún tipo de restrición e libremente. Penso que o club atletismo Burela vai ser un gran impulsor do deporte porque é unha directiva que ten ganas, que ten iniciativa e que vai estar aí apoiando o deporte de Burela”.