Na defensa dunha proposición non de lei na comisión parlamentaria de Administración Xeral e Xustiza, o deputado nacionalista pola Mariña, Daniel Castro, lembrou que o deplorable estado das instalacións oficiais do Xulgado levou ao concello a realizar as xestións oportunas para o seu definitivo traslado a outro inmoble previamente rehabilitado, un proceso que, segundo subliñou, “parecía áxil a priori, case administrativo, pero que a lentitude do PP na Xunta e a ausencia dunha colaboración seria co goberno ribadense levaron a que hoxe se siga agardando a que esta situación se resolva”.
“E todo isto despois de que o concello propuxese en varias ocasións ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, a rehabilitación do xulgado actual, unha obra que os servizos municipais estimaron en 190.000 euros, nos que o Goberno galego se comprometía a financiar con 26.000 euros, noutro exemplo de grandísima colaboración”, reprochou.
O deputado nacionalista advertiu de que, logo de oito meses nos que o Executivo do PP non ofreceu resposta á situación do xulgado, o goberno local propuxo unha “solución intermedia” pola que se comprometía a adquirir, previa rehabilitación e acondicionamento, o inmoble coñecido como a “Casa da antiga Telefónica”, mentres que a Xunta se comprometía a adaptar un baixo propio, pertencente ao Instituto Galego de Vivenda e Solo, para albergar temporalmente o xulgado.
Se ben as obras de acondicionamento xa están realizadas, o baixo aínda non foi posto a disposición do concello, polo que cuestionou “como é posible que cando levan máis dun ano rematadas as obras do ‘local ponte’, continúen sen poñer a disposición este local, facendo que os e as traballadoras do Xulgado sigan a traballar nun edificio con graves humidades, con goteiras, con desconchados nas paredes e con documentos podrecendo… é dicir, nun local que non garante as condicións mínimas de salubridade”.
Logo de lembrar que o concello mesmo se ofrecera para trasladar mobiliario e arquivos se a Xunta precisaba este apoio, Castro insistiu na necesidade de poder contar con estas instalacións para que os e as súas “traballadoras, funcionarias autonómicas, poidan traballar nun lugar decente e se peche este episodio que se alongou máis do debido”, mais o PP votou en contra da iniciativa nacionalista.