Viveiro, 12 de marzo, 2021. A acacia dealbata, coñecida tamén como “mimosa”, é unha especie exótica que está catalogada como invasora sendo unha ameaza para os ecosistemas e especies autóctonas, transformando os hábitats con gran rapidez e impidindo a rexeneración da vexetación natural coa conseguinte perda da biodiversidade. A proliferación da “mimosa” tamén está ocasionar graves prexuízos na economía, especialmente na produción agrícola, gandeira e forestal.
Esta especie xa está moi desenrolada noutros municipios e inzouse de maneira moi preocupante en Viveiro nos últimos anos, tal e como podemos ollar en prácticamente todas as parroquias do noso concello e os seus montes, aínda así, a día hoxe pode ser controlada para que os custes no futuro non sexan maiores e os danos irreversíbeis.
Polo anteriormente exposto, o BNG de Viveiro preguntará en pleno:
1.Ten o Goberno Local realizado algún tipo de estudo sobre o avance da acacia dealbata no concello de Viveiro?
2.Estudou nalgún momento como prever e controlar esta especie e os tipos de tratamento para a súa erradicación?
3.Mirou a posibilidade de axudas ou convenios de colaboración coa Xunta de Galiza, Goberno do Estado, Unión Europea…?