Santiago de Compostela, 24 de marzo, 2021, Pleno. A portavoz en materia de enerxía do BNG, Noa Presas interpelou ao conselleiro de Economía, empresa e Innovación, Francisco Conde sobre a actual situación do sector eólico en Galiza.
Presas reclamou un cambio de rumbo nas políticas do PP para rectificar “o modelo eólico Kamikaze con Galiza” e puxo como exemplo a Serra do Suído, un espazo dixo, “con grandes valores culturais e ambientais” pero “ameazada por vinte parques eólicos”, sen xustificación.
A deputada do BNG comezou a súa intervención trasladando a solidariedade desta forza política aos traballadores de Naturgy na Coruña e Iberdrola en Valdeorras, afectados por un modelo enerxético que obedece a intereses de empresas que deixan en Galiza un gran “impacto ambiental”, deslocalizan os postos de traballo cualificado e ao tempo reciben MW eólicos.
Sr. Vicepresidente, interpelou a deputada, hoxe ten outra oportunidade para facer que a Xunta deixe de ser parte do problema e propoña algunha medida para frear a deslocalización permanente dos servizos asociados á xeración eléctrica. Unha deslocalización permanente que deixa hoxe no sector eólico, “cadáveres como Siemens Gamesa ou Isowat”.
É inaudito que no maior despregamento eólico da nosa historia Siemens estea ás portas dun ERE e que, a semana pasada Isowat completase a súa liquidación. Por certo, mentres a filial castelá non só sobreviviu, senón que medra. Estes exemplos, reiterou a nacionalista, evidencian o “ fracaso estrepitoso da política industrial e enerxética de Galiza”.
Interpelamos ao goberno para trasladar o clamor social e preocupación que existe no territorio pola aplicación dun “modelo descontrolado e de arrase do territorio”
A parlamentaria fixo fincapé na “ falta de garantías ambientais, ordenación e cambios lexislativos” ao que sumou un “obsoleto Plan sectorial eólico que precisa de maneira urxente consenso e unha ordenación alternativa”.
Presas lembrou diferentes sentenzas sobre o Iribio ou Sandónigas que sinalan “a óptica produtivista da Xunta, impactos negativos en materia medioambiental e lagoas legais aproveitadas en favor do oligopolio eléctrico”.
A deputada reiterou que baixo “a trampa do traxe verde, agóchase un modelo de arrase” e o único que se está medindo á hora de decidir onde se instala un parque é o beneficio empresarial, sen avaliar rigorosamente outros impactos tanto na fase de construción como de explotación.
Por poñer un exemplo, explicou, no Suído e Alto Tea existen 12 tipos de hábitats de interese comunitario e un grande número de formacións de turbeira e outros recursos hídricos estratéxicos para a loita contra o cambio climático así como unha grande variedade de flora e fauna, entre a que se inclúen especies en perigo de extinción.
“Sexan o goberno de Galiza, non o de Naturgy, Iberdrola ou Greenalia” volveu a pedir a nacionalista, impidan a política de fragmentación de proxectos para axilizar a tramitación e sortear a avaliación de impactos, non cometan “fraude de lei”.
Da Serra da Groba e do Galiñeiro á Costa da Morte, zonas sobreexplotadas en Lugo e Ordes, parques de xestión estatal que ameazan o Macido Central, o Courel e Pena Trevinca fan necesario “aprobar un novo Plan sectorial Eólico para a próxima década harmonizando o desenvolvemento enérxetico e protexendo o medio ambiente”, concluíu.