Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG lamenta que o goberno de Viveiro tumbe a súa proposta para a modernización integral da páxina web do concello

Viveiro, 9 de marzo, 2021. A concelleira do BNG recordou que a moción presentada foi froito dun estudo e traballo desenvolto pola organización nacionalista a raíz de numerosas queixas que lles trasladaron veciñas e veciños de Viveiro. Durante a defensa desta moción, Miriam Bermúdez, manifestou que “a páxina web oficial do concello nin informa, nin é clara, nin é transparente, xa que mesmo cae en contradicións, desactualizacións e omisións no contido das informacións, sen que a persoa usuaria coñeza que información é real e cal non, e conta cunha estrutura e deseño desorganizado e pouco funcional”. Unhas afirmacións estas que a concelleira nacionalista argumentou polo miúdo e con múltiples exemplos gráficos, as cales, pola contra, rexeitou con contundencia o tenente de alcaldesa que chegou a calificar á Bermúdez de “auditora do concello”, nun intento inútil de descalificar á portavoz do BNG e de menosprezar o traballo político dxs nacionalistas. Durante a súa intervención, Jesús Fernández, sentenciou que, aínda non sendo perfecta a páxina oficial do concello de Viveiro e que todo era mellorable, non precisaba ser redeseñada a estrutura da páxina para, tal e como defendía a portavoz do BNG de Viveiro, convertela nun verdadeiro servizo público que ofreza información á veciñanza de forma atractiva, sinxela e intuitiva e que sexa accesible ás persoas con diversidade funcional e de maior idade na que debe operar a máxima transparencia informativa. O tenente de alcaldesa, negou por activa e pasiva, que houbera falta de transparencia na páxina, aínda que recoñeceu erros nos contidos da mesma que achacou á escasez de persoal informático, querendo eludir así calquera responsabilidade do equipo de goberno. Fernández zanxou o debate ofrecéndose a ensinarlle á portavoz do BNG como atopar fácilmente calquera información na web do concello.

Desde a organización nacionalista lamentan que a alcaldesa e o seu equipo de goberno continúen na liña de non querer escoitar ás súas veciñas e veciños e se negasen a apoiar, como xa é habitual, unha iniciativa nacionalista positiva para a veciñanza e positiva para o concello que trataba de conseguir unha relación máis fluída e directa entre a administración local e a veciñanza, tal e como sí están a impulsar outros concellos do noso país que teñen moi claro que a páxina web dunha administración pública é a principal fonte de información oficial, máxime nestes tempos duros de pandemia onde as restricións de movementos está facendo sentirse ás persoas máis ailladas, olvidadas e alonxadas das administracións.

Para xs nacionalistas de Viveiro queda claro que o veto dxs socialistas a este acordo, mina o dereito das nosas veciñas e veciños a saber e perpetúa no tempo o incumprimento da obriga que ten toda administración de difundir a información pública de forma proactiva sobre toda a súa actividade.

Exit mobile version