A Mariña 27 de marzo de 2021. Na mañá de hoxe o BNG avanzou en rolda de prensa no Dique Norte de Morás as iniciativas que van presentar nos vindeiros días en concellos, Deputación de Lugo, Parlamento de Galiza e Congreso dos Deputados demandando a creación da Autoridade Portuaria de San Cibrao, e a liberalización do dique norte do porto comercial de San Cibrao para a súa apertura ao tráfico comercial.
Son moitas as campañas que a formación nacionalista tén desenvolvido ao longo dos últimos anos a respecto desta infraestrutura de vital importancia para a comarca como é o dique norte e tamén a respecto da reivindicación da autoridade portuaria propia, campañas que foron sempre arroupadas tamén polo tecido socio-económico mariñao. E como proba disto, o Bng mariñao amosou a pancarta elaborada no ano 2008 e que foi a bandeira destas reivindicacións durante anos.
A Mariña perde cartos e investimentos ao non ter Autoridade Portuaria Propia
A responsable comarcal Ana Ermida fixo fincapé na discriminación negativa que sufre a comarca da Mariña nesta situación anómala de que sendo Lugo provincia marítima desde o ano 2002 non conte con autoridade portuaria e índose o recaudado polo Porto de San Cibrao para fóra da comarca e da provincia. “Non hai mais que ir ao documento dos Orzamentos Xerais do Estado 2021 para comprobar que no Anexo de Inversions Reais e programación plurianual anualizada as partidas destinadas ao ámbito portuario mariñao son 0€ ,agás algunha migalla en partidas xenéricas, mentras baixo o epígrafe “Ferrol-San Cibrao” as inversións que alí aparecen refírense só a Ferrol”, afirmou.
A apertura do dique norte ao tráfico comercial é viable
Daniel Castro, incidíu na importancia destas demandas que non só do Bng, senón de toda a sociedade e do tecido económico mariñao, especialmente coa liberalización do dique norte, agora infrautilizado e recordou que “o ente público Portos de Galicia realizou no ano 2010 un “Informe de viabilidade da apertura do Dique Norte San Cibrao-Morás ao tráfico comercial” no que se demostra a viabilidade operativa, construtiva, de tráficos e económica (30 M€), e donde a participación dunha autoridade portuaria propia tería tamén suma importancia”
A Deputación de Lugo debatirá a moción no pleno do vindeiro martes
Así o anunciou a deputada provincial Mónica Freire, que dixo que agardaba “a unanimidade de todos os grupos, tal como aconteceu en ocasións anteriores en que o Bng levou este tema á institución provincial” e sinalou ao Goberno do Estado como responsable desta situación anómala e perxudicial para A Mariña e para a provincia que se dá ao non desbloquearen desde Madrid nin o tema da autoridade portuaria nin o do dique norte, independentemente de quen goberne ou gobernase no Estado´.
Ademais de demandar a creación da Autoridade Portuaria de San Cibrao e a liberalización do dique norte, @s nacionalistas demandan tamén que “en tanto non se cree a autoridade portuaria de San Cibrao proceda a unha redistribución dos ingresos obtidos a través do porto de San Cibrao de xeito que estes ingresos revertan na costa de Lugo”.