Viveiro, 25 de marzo, 2021. A portavoz do BNG en Viveiro, Míriam Bermúdez, preguntaba no pasado pleno de marzo como está a xestionar o Concello de Viveiro as instalacións deportivas municipais, tras non atopar ningún tipo de información ao respecto relacionada coa cesión das mesmas, horarios ou dispoñibilidade para a veciñanza en xeral. Mais por desgraza a alcaldesa María Loureiro nun acto máis de falta de transparencia do seu goberno, contestou con evasivas en base ás restriccións da Xunta, mais absolutamente nada de como está a ser a xestión municipal do seu propio goberno.
Míriam Bermúdez incide en que “xa non só votan en contra de termos unha web municipal transparente e actualizada con información útil como esta, senón que tampouco responden ás nosas preguntas. Desde o BNG voltaremos a formular as mesmas preguntas, pleno tras pleno, até que sexan debidamente respostadas como calquer goberno democrático faría.”
As preguntas que voltarán a formular os nacionalistas, son:
. De todas as instalacións deportivas e pistas que existen no concello, tanto cubertas como ao aire libre que conten con peche ou non , cales están en uso e cales están fechadas?
. Existen acordos de cesións de instalacións deportivas e pistas a algunha asociación? Que instalación se cedeu? A que asociación? En que condicións?