Burela, 23 de marzo de 2021. As monitoras do Centro de Educación Gaia do Concello de Burela realizaron hoxe no Ceip Virxe do Carme unha actividade titulada Como chega a auga aos nosos fogares. O destinatario foi o alumnado de 4º de Primaria.
As monitoras explican que “contámoslles que algo tan sinxelo e cotián como abrir unha billa e ver saír auga encerra un proceso, que moitos dos nenos e nenas non coñecían. O ciclo integral da auga comprende dende a captación, a potabilización e tratamento da auga recollida ata a súa distribución, o seu uso e posterior depuración e devolta ao medio ambiente en condicións óptimas que non prexudiquen ao medio ambiente”.
Desde Gaia engaden que “visualizaron unha reportaxe relacionada co proceso que segue a auga dende a súa captación ata que chega aos nosos fogares e posteriormente realizaron unha actividade práctica sobre o consumo de auga nos nosos fogares na que a través dunha ficha que representaba actividades cotiáns do día a día tiñan que marcar o tempo e os litros de auga que consumían. Remataron cun mural con gotas e cunha billa aberta no que cada neno escribiu nunha gota de auga varios consellos e recomendacións referentes ao aforro e a non contaminar a auga que debemos levar a cabo nos nosos fogares”.
Desde a Concellería de Medio Ambiente subliñan que “con estas actividades pretendemos concienciar ao alumnado de que, individualmente, poden contribuír ao aforro eficiente da auga”.