Bruxelas, 23 de marzo de 2021. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, lamentou que o acordo provisional e temporal acadado hoxe no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea para as principais especies da frota galega en augas compartidas co Reino Unido non teña en conta os aspectos sociais e económicos e só se rexa polas recomendacións científicas do Consello Internacional para a Exploración do Mar (CIEM).
A proposta de Totais Admisibles de Capturas (TAC) adoptada para estas especies ante a falla de acordo co Goberno británico supón establecer ata o 31 de xullo a parte proporcional sobre o total anual das posibilidades de pesca recomendadas polo CIEM para o presente exercicio, o que leva consigo un axuste nas cotas de varias das especies principais para a frota galega.
Isto, a falla de que se acade un acordo definitivo co Goberno británico, supón dificultades para especies obxectivo da frota galega como a pescada, o gallo, a xarda ou o lirio, entre outras, explicou. Non obstante, sinalou a titular de Mar, é preciso esperar ás cifras definitivas unha vez se acade o acordo co Reino Unido.
Mentres, a parte positiva é que permite seguir faenando á frota galega nas augas noroccidentais europeas e manter a súa actividade ata o 31 de xullo, expuxo, se ben este acordo provisional sigue deixando ao sector na incerteza e na indefinición sobre como organizar as pesqueiras para o resto do ano, podendo verse abocados a realizar axustes da xestión das cotas sobre un período cada vez máis exiguo.
En xeral, destacou a conselleira, o acordo parcial e temporal acadado non recolle os aspectos sociais e económicos que vén demandando Galicia. Nesta liña, explicou Rosa Quintana, a comunidade autónoma galega seguirá defendendo de cara ao acordo definitivo co Reino Unido que a Comisión Europea teña en conta o principio establecido na Política Pesqueira Común de manter o equilibrio entre os aspectos medioambientais, económicos e sociais.
Ante esta situación Galicia segue tendendo a man ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para continuar traballando e marcar unha liña estratéxica na defensa dos intereses do sector nesta recta final da negociación entre a Unión Europea e o Reino Unido para determinar as posibilidades de pesca definitivas para as augas do norte. Neste labor Galicia sempre pon en valor os datos e argumentos que recada co obxectivo de que á hora de fixar as cotas, ademais de ter en conta os aspectos medioambientais, tamén se consideren o impacto no sector e na economía e deste xeito preservar a actividade da frota.
Nesta liña a conselleira do Mar sinalou que unha cuestión é a de fixar as posibilidades de pesca, na que debe primar a súa mellora, e outra cuestión diferente é sentar as bases do acordo co Reino Unido, na que debe primar a instauración dun sistema xusto e equitativo de asignación de cotas e a estabilidade xurídica para o sector.
Neste Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea que se celebrou entre onte e hoxe, Galicia volveu a acompañar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en representación das comunidades autónomas españolas. Nel fixáronse as posibilidades de pesca ata finais de xullo deste ano en augas compartidas co Reino Unido para que a frota poida seguir desenvolvendo a súa actividade mentres non se acada un acordo definitivo co Reino Unido.