Site icon Crónica3.com A Mariña

Novas edicións dos Concursos de Lemas e Debuxos e Pintura do Día Internacional para a Eliminación da Discriminación Racial en Burela

Burela, 19 de marzo de 2021. A Concellería de Inmigración, Cooperación e Integración convoca a sétima edición dos Concursos de Lemas e Debuxos e Pintura con motivo da conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Discriminación Racial que se celebra o 21 de marzo.

A edil Noelia Mª Ben explica que “os obxectivos destes certames son transmitir, a través de mensaxes curtas ou debuxos, a importancia da educación en igualdade e a necesidade de eliminar a discriminación racial, así como a súa prevención. As bases para poder participar nestes concursos están a disposición das persoas interesadas na sede electrónica do Concello de Burela”.

Os traballos terán que ser inéditos, o prazo de presentación remata un mes despois da publicación das bases no BOP de Lugo e poderán entregarse presencialmente no Rexistro Municipal ou a través de correo postal no enderezo: Concello de Burela, Programa de Atención a Inmigrantes, R/Eijo Garay 20, 27880 Burela – Lugo.

No concurso de debuxo e pintura haberá tres categorías: 1ª de 6 a 12 anos; 2ª de 13 a 17 anos; e 3ª de 18 anos en diante. En cada unha delas establécense dous premios consistentes nun lote valorado en 50 euros para o primeiro e 30 euros para o segundo. A técnica será libre e o tamaño folio A4. Cada participante non poderá presentar máis dun traballo.

No concurso de lemas haberá unha soa categoría e cada participante poderá presentar ata un máximo de cinco. Os lemas deberán constar de sete palabras como máximo, en lingua galega ou castelán. O gañador ou gañadora recibirá un lote valorado en 60 euros.

O xurado destes concursos estará composto por: Noelia María Ben, concelleira de Cooperación e Inmigración; Ángel Rubiños, director da Casa da Cultura; e Jaime Méndez, director da Casa da Xuventude. Actuará como secretaria do xurado a técnico do Programa de Atención a Inmigrantes do Concello de Burela, con voz e sen voto.

Os dereitos do autor/a dos debuxos e lemas manteranse pero cederanse gratuitamente ao Concello de Burela os dereitos de uso, reprodución e difusión, citando en todo momento a autoría dos mesmos. Os traballos participantes poderán ser obxecto de exposición en espazos de relevo cultural, artístico e educativo do Concello de Burela.

Exit mobile version