Foz, 12 de marzo de 2021. O Concello de Foz procedeu á substitución da varanda do parque Martínez Otero por unha nova balaustrada de aceiro galvanizado en quente e lacada en negro, que constitúe unha protección segura para todos os usuarios do parque e da zona verde.
O alcalde, Fran Cajoto, explica que “a varanda estaba en moi malas condicións, con óxido, carcomida e con roturas en diversos puntos. Era perigosa nunha zona moi sensible como é un parque infantil”.
O rexedor municipal destaca: “continuamos mellorando infraestruturas e espazos públicos que se encontraban deteriorados e cunha falta de mantemento claros durante a xestión do anterior equipo de goberno. De feito a substitución desta varanda incluso foi solicitada nun rogo de FPF do 2018. Era unha demanda veciñal que encaixa no programa de mantemento e revalorización de espazos públicos que está levando a cabo o actual equipo de goberno. Queremos que Foz estea limpo e coidado, e con accións como a hidrolimpeza de beirarrúas, a reposición de baldosas e o adecentamento e vernizado de bancos vamos dando pasos no bo camiño”.
Esta obra “foi realizada con fondos propios, con cargo ao orzamento do ano 2020 por un custo total de 4.150 euros”, rematou Cajoto.