Ribadeo, 29 de marzo de 2021. No Concello de Ribadeo terá lugar esta tarde, a partir das 20:00 horas, un pleno ordinario no que tomará posesión o novo concelleiro do goberno municipal, Marcos Villamil, que substitúe a Jesús Mundiña. Na sesión serán sometidas a aprobación inicial as novas ordenanzas de limpeza e xestión de residuos e das praias.
O alcalde ribadense, Fernando Suárez, declarou que “é interesante o pleno ordinario que está convocado para esta tarde. Trataremos varios asuntos de interese e ademais tomará hoxe posesión do cargo o novo concelleiro do goberno municipal, Marcos Villamil González, que vai levar as importantes áreas e cometidos de Medio Rural que ata agora viña desempeñando o compañeiro Jesús Mundiña”.
O rexedor explicou que “entre outros asuntos trataremos as aprobacións iniciais da nova ordenanza de limpeza e de xestión de residuos. Isto é así porque a actual ordenanza de protección medioambiental de Ribadeo foi aprobada xa hai quince anos, e desde aquela téñense producido importantes cambios na nosa sociedade, destacando unha gran toma de conciencia en materia medioambiental como tamén o reflicte así a evolución da lexislación medioambiental en todo este período. Polo tanto, consideramos necesario derrogar esta ordenanza tan antiga para ser aprobada unha nova e específica de limpeza e de xestión de residuos. O novo marco normativo en canto á xestión de residuos está baseado nunha economía circular, así como tamén recollen as inquedanzas que nos últimos anos nos foron trasladando a veciñanza e o persoal municipal como pode ser a propia Policía Local que son a base desta normativa”.
Suárez Barcia engadiu que “por outra banda consideramos necesaria tamén a aprobación dunha ordenanza específica de praias. Dunha parte, as especiais características da nosa costa e dos nosos areais así o requiren, regulando tamén temas como a presenza de cans, actividades deportivas, a pesca, prevención de riscos como os desprendementos, etc…, e ademais de ser un requisito que nos viñan esixindo desde hai tempo Bandeira Azul e a Q de Calidade Turística”.
O alcalde dixo que “tamén trataremos unha solicitude da Xunta de Galicia na que nos pide unha interpretación xurídica dun artigo do vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal en relación sobre cal debe ser a prevalencia legal da tipoloxía das especies arbóreas aquí en Ribadeo. Neste senso, o secretario da Corporación emitiu un informe técnico no que indica que a lei do solo e a lexislación sectorial deben prevalecer sobre o disposto no PXOM, de aí que a Corporación Municipal debamos ratificar este informe”.
E engadiu: “finalmente, trataremos varias mocións presentadas por grupos municipais e por asociacións, e tamén abordaremos unha moción de urxencia presentada pola confraría de pescadores de Ribadeo solicitando o apoio municipal ás súas xustas demandas sobre un novo regulamento europeo que vai entrar en vigor e que prexudica seriamente os intereses da flota artesanal de baixura”.