Mondoñedo, a 7 de marzo de 2021. O Concello de Mondoñedo inicia a modificación do Peprich para adaptalo á Lei de patrimonio e “poder ter un documento actualizado que permita impulsar tamén o casco histórico”. Así o indican dende a entidade local logo de manter unha reunión de traballo na que se tratou este asunto, que supón a materialización dun compromiso mais do plan de dinamización local.
Esta modificación do Plan especial de protección e reforma interior do centro do pobo enmárcase no convenio asinado polo Concello e a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do cal a administración autonómica achega 300.000 euros, abonados en varias anualidades, en función das bases e os avances na redacción deste instrumento de planificación urbanística.
O convenio xorde da nova normativa cultura que dá un prazo de dous anos dende a súa entrada en vigor para que os concellos cun plan especial aprobados antes de 1995 se adapten á normativa vixente. O de Mondoñedo data de 1994.
“Estamos sentando as bases para que o noso Concello e o seu casco histórico – elemento importantísimo para a cidade e a xente que nos visita- se configuren segundo indica a lexislación urbanística. A colaboración do Goberno galego é crucial para poder levar a cabo estes trámites, e isto é algo que queremos por en valor”, afirman dende a entidade local.
O goberno local manterá proximamente novas xuntanzas para culminar o proceso que implica a modificación de dito Plan, a través do que, sen custe para o Concello, se executará a mellora consistente na redacción da documentación técnica descritiva da planta e alzado dos inmobles catalogados existentes no casco histórico. Dita documentación reunirá os requisitos de forma e suficiencia informativa para permitir a inmatriculación dos inmobles no Rexistro da Propiedade e para permitir a tramitación administrativa que garante a correspondencia entre a realidade física a catastral.