O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, explicou que o autocar sairá de Muras ás 7.45 horas e o regreso será ás 15.15 horas na mesma liña que xa vén cubrindo o traxecto de Viveiro a Lugo de luns a venres, que inclúe varias paradas no concello de Muras.
O servizo comezará a funcionar o próximo martes e terá unha duración de 40 minutos, coas mesmas paradas que a ruta ordinaria Lugo-Viveiro, que polas mañás sae da capital luguesa ás 9.00 horas e chega ao concello mariñán ás 11.45.
Arias explicou que a medida responde a unha demanda de veciños e veciñas de Muras que pedían facilidades para viaxar máis cedo en días laborables a Viveiro, a onde teñen que desprazarse a miúdo para realizar trámites administrativos, por motivos de traballo ou para facer uso de servizos ou equipamentos situados nese municipio.
O delegado destacou que a Xunta traballa na procura de solucións “para que o servizo de transporte público se adapte ás necesidades percibidas en cada momento e teña en conta as particularidades de cada zona”.