Compostela, 9 de marzo, 2021. O Día da Clase Obreira Galega de 2021 conmemórase nun escenario inédito, marcado por unha dobre crise sen precedentes, sanitaria e económica, cuxos efectos aínda non somos capaces de calcular, pero que xa se están a traducir en clausura de negocios, aumento do desemprego e peches ou deslocalizacións de empresas. E isto pode ser só o comezo se non damos posto alternativas riba da mesa.
A dramática situación que hoxe en día padece a comarca de Ferrol, que corre o risco de se converter nun ermo industrial, debe servir de alerta a toda Galicia. Máis aínda agora que, como consecuencia da pandemia, vimos en primeira man a necesidade de contar cun sector industrial forte que, ademais de xerar emprego cualificado e de calidade, impida que sectores esenciais para a nosa economía dependan dos vaivéns das cadeas de subministración internacional.
Por vez primeira, Europa decide afrontar unha crise económica con políticas expansivas, non de recortes. Este cambio de paradigma é unha ventá de oportunidade que se abre para Galicia, que deberá, asemade, dar resposta aos retos que xa arrastraba antes da aparición da covid-19 nas nosas vidas, e acometer o proceso de reconstrución do seu tecido produtivo.
O Goberno galego ten na súa man a oportunidade histórica de que o destino dos fondos europeos sexa determinado cunha estratexia de país e coa implicación corresponsable de sindicatos, patronal, grupos parlamentarios e as tres universidades públicas. Todo o que non sexa unha acción de país estará condenado ao fracaso.
Un dos vectores da reconstrución, financiada con estes fondos, ha ser a transición ecolóxica. Porén, non debemos transmitirlle á sociedade unha idea errónea de transición e facer que os fantasmas da reconversión volvan ás mentes dos galegos e das galegas: é importante xerar empregos, pero igual de importante é que estean vinculados a actividades perdurables.
Canto aos retos que xa premían a nosa economía, a negociación colectiva é un dos prioritarios: o mercado de traballo en Galicia debe mellorar a través da propia mellora dos convenios colectivos, porque a boa calidade do emprego é a resposta máis axeitada ao declive demográfico do noso país.
A loita por convenios dignos está a vehicular a maior parte das mobilizacións que protagonizamos nos últimos meses. Tamén por un convenio saímos ás rúas de Ferrol hai 49 anos, xustas reivindicacións que foron disoltas a tiros pola policía franquista, pero que nin dobregaron nin domesticaron o sindicalismo de clase que representan as Comisións Obreiras.
Continuaremos dando a batalla, sector a sector, empresa a empresa e convenio a convenio, para que todo o esforzo que fixo a clase traballadora durante esta crise sexa compensado e que a saída se asente no principio da xustiza social. Seguiremos loitando para que Galicia avance.
VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA!!
VIVA O DEZ DE MARZO!!
VIVAN AS COMISIÓNS OBREIRAS!!
DANIEL E AMADOR, NA MEMORIA!!