O alcalde ribadense dixo que “hoxe quero falar da situación do casco vello e da política de rehabilitación con diñeiro público na que levamos razoablemente ben, desde hai anos, o Ministerio de Fomento do goberno do Estado, que é quen máis pon, a Xunta de Galicia e máis o Concello. Nós, como Concello, sufragamos grande parte da obra pública tanto nas rúas como nos diferentes espazos públicos de Ribadeo e de Rinlo. A Xunta e máis o Ministerio sufragan os importes da rehabilitación aos particulares, máis o Ministerio que a Xunta”.
Fernando Suárez manifestou que “a novidade é que agora, unha vez máis, o voceiro do PP parece que atopou un botafumeiro que se dedica ao que sabe, a vender fume. Bótalle un pouco de incenso ao botafumeiro e di que hai 400.000 euros para os cascos vellos de Ribadeo e de Rinlo. A verdade é que sorprendidos por tan grata noticia, poñémonos a consultar, a través dos servizos técnicos, coas oficinas da Xunta, tanto á de Lugo como á de Santiago, e cal é a novidade, pois ningunha”.
O rexedor engadiu que “os convenios vixentes son os que están asinados desde o ano 2018. A previsión de vivendas para Ribadeo era de 24 e hai actualmente 19 solicitudes aprobadas que compren os criterios, e para Rinlo, algo similar, dunha previsión de 12 hai 9. Polo tanto, destas cantidades cacarexadas non se corresponden con novo financiamento. Outra cousa é que no futuro poidan existir novos convenios a asinar polas tres partes, polo goberno do Estado, pola Xunta de Galicia e polo Concello de Ribadeo, como ven acontecendo nos últimos vinte anos. O resto, pois o de sempre, fume, cacarexo e hiperventilación, e desde logo con estes tres adxectivos non se rehabilitan os cascos vellos”.