Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis capacidade na rede de R en sete concellos da Mariña

A Mariña, 31 de marzo de 2021. A compañía galega R vén de ampliar capacidade da súa rede en sete concellos da Mariña lucense (Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Ribadeo, Viveiro e Xove), o que lle permitirá ofrecer máis e mellores servizos a preto de 29.000 fogares destas localidades.

Para iso, o operador galego traballou nos últimos meses na extensión e mellora da súa rede, instalando novos equipos que lles dan servizo a estas áreas, para dotar á infraestrutura de R de maior capacidade e fortaleza, e lle responder ao aumento de tráfico en Internet e noutros servizos de telecomunicacións que se ten producido dende o inicio da pandemia hai xa un ano. Con este reforzo substancial da rede, o operador galego déixaa preparada de cara a novos aumentos do consumo de Internet, TV e telefonía que poidan producirse de agora en adiante.

Novas tendencias de uso e máis investimentos

A crise sanitaria ten alterado os hábitos de uso e as tendencias xerais da poboación á hora de consumir servizos de telecomunicacións. O tráfico na rede tense incrementado entre un 40 e un 50% dende o inicio da pandemia, con picos que chegaron a superar o 80% en situacións de máximas restricións á mobilidade como o pasado mes de decembro, cando se alcanzou un aumento do 82% de accesos de banda larga con respecto aos consumos previos ao confinamento.

Todos estes traballos de mellora da rede de R na Mariña para reforzala e aumentar a súa capacidade, forman parte do intenso traballo global desenvolvido por R nos últimos anos para optimizar a cobertura dos seus servizos no territorio galego, obxectivo que este último ano tivo unha prioridade máxima ante as crecentes necesidades do uso de redes. Esta inxente demanda levou o operador galego a realizar un investimento de case 4,6 millóns de euros para ampliar e reforzar as capacidades da súa rede de fibra na comunidade galega.

Ao tempo, estas actuacións compleméntanse cos desenvolvementos de tecnoloxía FTTH en “zonas brancas” de Galicia (as que non desfrutaron nunca de servizos de alta velocidade), no marco dos plans Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dos que R resultou adxudicataria nos últimos anos. En concreto, en 2020 conectáronse ás redes de nova xeración de R arredor de 30.000 vivendas na comunidade, o que supuxo xa un investimento de 9 M€ que previsiblemente se aproximará aos 10M€ a peche de 2021.

Exit mobile version