Burela, 22 de marzo, 2021. A xogadora do Pescados Rubén Burela FS Lara Balseiro abriu esta mañá ‘O Camiño que nos Une’ en Pedrafita do Cebreiro, iniciativa promovida pola Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo, que pretende fusionar mocidade, igualdade e inclusión a través das rutas xacobeas. A Guerreira Laranxa participou na primeira xornada do proxecto xunto ao alumnado do CPI Uxío Novoneyra, como centro de ensino de apertura como “porta de entrada a Galicia para tantas persoas peregrinas e por ser un dos puntos emblemáticos da ruta máis popular da provincia, o Camiño Francés”.
A viveirense compartiu co estudantado de Pedrafita as súas experiencias persoais e profesionais arredor do deporte e a igualdade, nun encontro virtual xunto ao presidente da Asociación de Amigos do Camiño, Ángel Trabada, que fixo un percorrido polas achegas dos catro Camiños oficiais da provincia dende o punto de vista cultural e socioeconómico.
8 voces do deporte feminino
‘O Camiño que nos Une’, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través de O Teu Xacobeo, desenvolverase de xeito telemático e mergullará ao alumnado de oito centros educativos no impacto positivo que teñen as rutas xacobeas sobre a contorna na que viven a través de 8 voces do deporte feminino. Ademais de Lara Balseiro, converteranse en protagonistas e espello dos valores do Camiño a atleta Alessandra Aguilar, a xogadora de volei Nuria Bouza, a piragüista Tania Fernández, a judoka Sara Álvarez, as atletas Saleta Fernández e Adiaratou Iglesias, así como Hilda Rodríguez, primeira deportista galega en acadar unha medalla nuns Xogos Paralímpicos (Atlanta 1996).
Destinos
Participarán centros de dous municipios por cada un dos Camiños oficialmente recoñecido: o CPI Uxío Novoneyra de Pedrafita do Cebreiro e o IES do Camiño de Palas de Rei en representación do Francés; o IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo e o IES Basanta Silva de Vilalba no Camiño do Norte; o IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos e o IES Lama das Quendas de Chantada como referencias vencelladas ao Camiño do Sur ou do Inverno; e, finalmente,como bandeiras do Camiño Primitivo, o CPI de Castroverde e o IES Lucus Augusti da capital da provincia.