Riotorto, 30 de marzo de 2021. A Xunta mantén aberto ata o día 26 de abril o prazo de solicitude das axudas destinadas aos concellos cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes para executar obras de abastecemento, saneamento e depuración.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, informou hoxe desta nova convocatoria da Xunta, que destina un orzamento de 4 millóns de euros a colaborar cos municipios máis pequenos para que poidan garantir un óptimo funcionamento dos servizos de auga, de competencia das entidades locais.
Arias visitou en Riotorto o resultado das obras realizadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, para dotar dunha rede de saneamento o núcleo de Chacín. A Xunta destinou 48.300 euros a executar esta infraestrutura, mediante a instalación dunha rede de colectores e un sistema de depuración de tipo fosa-filtro. Deste xeito canalízanse as augas residuais procedentes dunha trintena de vivendas cara o punto de depuración a través de tubaxes de PVC.
“A Xunta segue traballando cos concellos para que presten nas mellores condicións este servizo básico, que redunda na calidade de vida da veciñanza”, sinalou Arias. Así, mediante esta convocatoria para o exercicio 2021, subvencionaranse os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro na execución de obras necesarias para o funcionamento óptimo dos sistemas de abastecemento municipal; nas obras dirixidas á execución de actuacións de modernización e aumento da eficiencia e eficacia das instalacións de saneamento e depuración existentes; ou os destinados á construción de novas infraestruturas.
O importe destas axudas terá un límite máximo de 50.000 euros por solicitude e cada concello poderá presentar dúas solicitudes, unha referida a actuacións en sistemas de abastecemento, e outra para actuacións en sistemas de saneamento e depuración.
As subvencións distribuirase en dous grupos, o 50% do importe destinarase a obras executadas en sistemas de abastecemento e outro 50% restante a obras executadas en sistemas de saneamento e depuración.
Esta nova medida conta coa financiación do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.