Site icon Crónica3.com A Mariña

Gran vitoria do Pescados Rubén fronte ao Levante (3-1)

Burela, 20 de marzo, 2021. O Pescados Rubén Burela FS e Vista Alegre deron a sorpresa esta tarde impoñéndose ao líder, Levante VDE FS (3-1), con tres puntos de ouro que lle devolven a confianza e sobre todo dan un pouco de aire con respecto ao fondo da táboa. Os galegos reencontráronse co triunfo, co talismán de Vista Alegre, despois de catro xornadas e na terceira cita con Sito Rivera no banco. Defensa e agresividade deron o 2-0 aos mariñáns, nos minutos 30 e 33; os de Diego Ríos tan só puideron perforar a meta de Edu no xogo de cinco no último minuto con resposta local a porta baleira para reafirmarse na heroicidade. Agora toca pensar na próxima final: Será o mércores de novo na Bombonera, recuperando o partido aprazado ante Córdoba Patrimonio de la Humanidad.

Os galegos dispuxeron de máis dominio e ocasións na primeira parte, sobre todo na recta final cun Raúl Jiménez moi oportuno. Os primeiros compases transcorreron con oportunidades en ambas as redes e por partida dobre, con Pedro Toro e Renato. A punto estiveron de sorprender Mata, no 7, e Quintela, rozando o ecuador, ambos de cabeza. Edu tampouco defraudou na súa tarefa. O de Narón mantivo os mariñáns a salvo, no 12, ante a máis perigosa granota, nunha contra de Jorge Santos a pase de Pedro Toro. O gol para as arcas laranxas a punto estivo de chegar en propia tan só 2 minutos despois, con Mata en conivencia con Iago Míguez. Os de Diego Ríos non conseguían ganduxar as xogadas ante a presión burelista. Tras as grandes intervencións do meta rival de Pazos, Giasson e Lucho, os mariñáns tamén perdoaron en estratexia, de novo con David, que non atopou a Diz no segundo pau, e Renato.

O meta visitante volveu converterse no salvador, nun gran pase de Mata con Iago Míguez que tocou o xusto Raúl para evitalo. A fortuna tampouco se aliou cos mariñáns no 26, con Matamoros, e no 28, con Renato, co pau como verdugo. Con tan só 34 segundos para a medianía do segundo acto, por fin chegou o máis que merecido premio, con Álex Diz finalizando unha gran xogada de Pazos. Edu mantivo a renda fronte a Esteban e os galegos non desaproveitaron a súa seguinte oportunidade, no 33, con Iago Míguez, en rexeite, empuxando a tentativa de Matamoros. Foi precisamente o máxico 10 laranxa o que a punto estivo de subir o terceiro no 35 e entón apareceu a reacción do Levante con Esteban como porteiro xogador. Rafa Usín reduciu distancias a falta de 58 segundos. Aguantaron as filas burelistas e sentenciaron co 3-1 dunha das Xoias Laranxas, Pitero, a porta baleira, con 11 segundos para a bucina.

Xornada dominical coa vista de Móstoles FSF

As Guerreiras Laranxas completarán o Maratón de Vista Alegre, recuperando mañá a xornada 12, coa visita do Móstoles (13.00 horas). O Pescados Rubén Burela FS pechará presumiblemente a primeira fase con este partido, posto que o outro aprazado pendente, con Majadahonda, non ten data e o calendario da rolda polo play off arrincará xa o vindeiro sábado, 27 de marzo.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Renato, David Pazos, Álex Diz, Quintela; cinco inicial; tamén xogaron Matamoros, Javi Rodríguez, Iago Míguez, Giasson, Pitero, Lucho

Levante UD FS: Raúl, Rafa Usín, Maxi, Roger, Pedro Toro, cinco inicial; tamén xogaron Márquez, Esteban, Jorge, Gallo, Tolrà, Cayetano

Goles: 1-0, minuto 30, Álex Diz; 2-0, minuto 33, Iago Míguez; 2-1, minuto 40, Rafa Usín; 3-1, minuto 40, Pitero

Árbitros: González Moreta // Sánchez Chamorro. Por Burela amarela para Pitero (minuto 10), Quintela (minuto 23), Iago Míguez (minuto 25), Álex Diz (minuto 30), Renato (minuto 31). Por Levante amarela para Rafa Usín (minuto 7), Roger (minuto 28)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 25 de Primeira División Masculina disputado no pavillón Vista Alegre de Burela.

Exit mobile version