O conselleiro salientou tamén que ao longo do 2020 aprobáronse un total de 132 instrumentos de ordenación e xestión forestal, incorporando así unha superficie de 48.000 novas hectáreas. Ademais, no que levamos de 2021 sumáronse máis de 5.000 hectáreas adheridas a un modelo silvícola, coa previsión de acadar, a final de ano, unhas 30.000 hectáreas adheridas por este procedemento.
En parecidos termos, o titular de Medio Rural referiuse tamén ao elevado nivel do monte galego canto á súa certificación forestal. Así, salientou que Galicia ten o 30% das superficies certificadas polo sistema FSC en España e que o 60% da superficie incorporada no 2020 ao outro sistema internacional de certificación, PEFC, proveu da nosa comunidade. Trasladou ademais que o 87% dos novos silvicultores certificados con este selo o pasado ano no conxunto do Estado son galegos.
Plantación de carballos
Nesta previa do Día internacional dos bosques, o conselleiro e o director xeral participaron na plantación simbólica de carballos en terreos do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude. Ademais, tamén amosaron o procedemento de implantación dun souto de castiñeiro para aproveitamento de froito nestas mesmas instalacións. Esta plantación servirá como base para posteriores actividades demostrativas sobre os distintos aspectos deste cultivo e as características das diferentes variedades de castiñeiro empregadas.
O conselleiro explicou que se escolleu este centro de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón, porque se está traballando no proceso de conversión do Pazo de Quián no espello do rural galego e quérese potenciar este espazo mediante a creación dun parque forestal para resaltar a multifuncionalidade e diversidade dos montes galegos.
José González engadiu que a posta en marcha deste parque forestal é, precisamente, un dos eixos da proposta gañadora do concurso de ideas para este espello do rural que se desenvolverá por fases. Así, primeiro darase prioridade á reforma do Centro de Formación e en etapas posteriores proxéctase levantar unha especie de escaparate das actividades e dos produtos agroalimentarios e forestais integrado coa paisaxe, dadas as súas óptimas condicións de miradoiro cara ao Pico Sacro.
Xacobeo
O conselleiro enmarcou tamén este acto na celebración do Xacobeo 2021-2022, recordando que se celebrou nun “enclave emblemático do Camiño de Santiago, ao pé do Pico Sacro”. Por isto, González puxo en valor a vinculación da Ruta Xacobea co territorio e coa paisaxe, neste caso coa paisaxe rural e máis concretamente coa riqueza forestal de Galicia. Unha riqueza que, resaltou, a Xunta apoia con diferentes medidas, entre elas con axudas que só este ano suman un investimento de máis de 30 millóns de euros no monte galego. Citou as achegas para accións silvícolas de prevención de incendios, para a creación de superficies forestais con especies de coníferas e frondosas, para o control do combustible forestal e para fomentar a boa gobernanza das comunidades de montes veciñais en man común.
Ademais, o conselleiro indicou que todas estas liñas de traballo e de fomento se enmarcan no contexto da primeira revisión do Plan Forestal de Galicia que se está a ultimar e que ten como corolario -destacou- o lema “cara a neutralidade carbónica”, polo que o seu compromiso co futuro ambiental do noso país é indubidable, remarcou.