Site icon Crónica3.com A Mariña

Este martes serán vacinadas no Hospital da Mariña as 36 traballadoras do servizo de axuda no fogar do Concello de Ribadeo

Ribadeo, 1 de marzo de 2021. As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Ribadeo, tanto na modalidade básica como na de dependencia, serán vacinadas mañá no Hospital da Mariña. Alí as 36 recibirán a primeira dose da vacina contra a covid19. A concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire, subliñou que “este paso encamíñanos a esa nova normalidade da que tanto falamos e que xa albiscamos por fin no tempo”.

A edil ribadense explicou que “hoxe viñemos confirmar que mañá, martes, o persoal que presta servizo a domicilio no concello de Ribadeo, tanto na modalidade de atención básica como en dependencia, recibirán a primeira dose da vacina contra o Covid no hospital comarcal de Burela. Serán un total de 36 traballadoras as que reciban esta primeira dose, 10 delas que prestan ese servizo na modalidade básica e 26 que atenden a persoas en situación de dependencia”.

Mónica Freire sinalou que “desde o Concello de Ribadeo estamos moi esperanzados por esta vacina. É algo que nos dá moita tranquilidade e moito alivio para que as condicións nas que atenden estas traballadoras, xa sexa pola súa seguridade e tamén pola seguridade e tranquilidade dos usuarios, sexa xa unha realidade. A vacinación coa primeira dose a estas traballadoras que atenden a este segmento da poboación máis fráxil da nosa sociedade encamíñanos a esa nova normalidade da que tanto falamos e que xa albiscamos por fin no tempo”.

Exit mobile version