Site icon Crónica3.com A Mariña

Dixitalización para o pequeno comercio mindoniense

Mondoñedo, a 19 de marzo de 2021. Mondoñedo dá un paso máis na promoción do municipio coa inclusión de todas as empresas do concello en Turisgalicia APP e en Google. Isto será posible logo de que a entidade local, en colaboración cos negocios, consultase a idoneidade de por esta medida en marcha e fose valorado positivamente.

A adhesión a esta plataforma dixital conleva importantes beneficios para os establecementos, segundo explican dende o goberno local. Concretamente, a aplicación aumentará, en primeiro lugar, a visibilidade dos establecementos, o que incrementará notablemente o alcance con clientes potenciais; en segundo lugar, mellorará a súa xeolocalización de forma que as empresas estarán mellor posicionadas na Rede e serán atopadas no buscador Google con maior facilidade e, en terceiro lugar, perfeccionará a súa xestión, xa que o establecemento elixe a información que quere amosar aos usuarios, así como interactuar con eles e consultar as reseñas.

Neste senso, a información que figurará tanto en Google como na App vai dende unha ficha con todos os detalles do establecemento, fotografías, teléfono emprazamento, redes sociais, páxina web, mail e o horario de atención ao público.

Campaña #mercaenmondoñedo
O proxecto leva aparellado unha campaña publicitaria #mercaenmondoñedo, con contas propias en Facebook e Instagram, ademais de diverso material audiovisual e a creación de Tik Tok. A modo de exemplo, en Facebook e Instagram incorporaranse 4 establecementos á semana, cun feed chamativo, información de cada un e fotografías. Ademais, entrando en cada imaxe poderase ver en forma de carrousel outras imaxes seleccionadas do local, cos produtos que ofrecen, ubicación, etc. As publicacións incluirán promocións, ofertas e publicidade puntual dos establecementos.

Iniciativa que se suma a The Mondoñedo Walley
Esta iniciativa súmase ao proxecto de desenvolvemento tecnolóxico impulsado tamén dende o Concello The Mondoñedo Walley (https://themondonedovalley.com/), que foi posto en marcha hai máis de tres anos e que para os seus promotores é todo un exemplo para o resto de municipios de España, xa que pretende fixar poboación no rural e atraer a persoas das cidades que busquen un novo lugar para vivir e cunha maior calidade de vida. A través desta actuación ponse en valor o territorio rural empregando a innovación tecnolóxica para favorecer a sostibilidade produtiva da economía local no contorno dixital.

Exit mobile version