A plataforma sinala que o anuncio da moratoria por parte do goberno galego prodúcese escasas horas despois de aprobar un novo Plan Forestal Galego que responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado. Un plan que pon a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais e deixa de lado o interese xeral. Un plan que non contempla a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais e garantir así os servizos ecosistémicos dos montes galegos.
Un novo Plan Forestal, que segundo denuncia esta plataforma fomenta, o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras ata acadar 1,4 millóns de hectáreas de piñeiros e eucaliptos en 2040, e o aumento de 3 millóns de m³ de cortas anuais de madeira de baixo valor engadido ata acadar os 12 millóns de m³ de cortas/ano. Un plan que propón aumentar aínda máis a superficie ocupada por eucalipto E. nitens, pese a ter traspasado xa en máis do dobre as previsións para 2030, e en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos.
Este plan, indican, non fai máis que agravar a situación actual. Unha situación que o propio goberno galego recoñeceu co anuncio da moratoria para prohibir máis plantacións de eucaliptos.
A plataforma solicita ao Parlamento Galego a devolución do novo Plan Forestal Galego ao Consello Forestal para realizar unha nova redacción axeitada ás necesidades do país e na que poidan participar todas as organizacións relacionadas co monte e co medio rural.