A vacinación dos profesionais que traballan no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e do persoal do centro de día comezou esta semana. Este colectivo súmase, polo tanto, aos dos profesionais sanitarios dos hospitais, centros de saúde e PACs; traballadores sociais; todo o persoal docente e non docente dos centros educativos públicos e concertados; e usuarios e traballadores de residencias, co que comezou a campaña de vacinación o pasado 27 de decembro.
Tamén deu inicio a vacinación dos maiores de 80 anos a pasada semana con aqueles con apelidos que comezan pola letra H e, no caso de Ribadeo, están chamando xa aos da letra M. Daniel Vega destaca a este respecto que “é algo moi importante porque este grupo é onde se concentra o maior índice de mortalidade e para ter un Ribadeo seguro”. Polo de agora, en Galicia, xa recibiron a primeira dose máis do 20% dos maiores de 80 anos.
Sen positivos no asilo
Os datos nas residencias, onde están un dos colectivos que xa leva días inmunizado tras recibir as dúas doses, confirman a alta efectividade das vacinas. De feito, hai que lembrar que desde o pasado 20 de febreiro non hai casos no
Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro. “Levamos dúas semanas sen positivos, nin de residentes nin de usuarios, nesta residencia de Ribadeo”, matiza Vega.
O concello de Ribadeo segue a liña de vacinación marcada no resto de Galicia e a campaña de vacinación seguirá avanzando a semana que ven aplicando novas doses de Astrazéneca ao colectivo de entre 50 e 55 anos.