Ribadeo, a 25 de marzo de 2021. O voceiro do Grupo Municipal do PP de Ribadeo, Daniel Vega, asegura que “aínda que lle pareza mal ao goberno local do BNG, seguireime interesando polo casco histórico de Ribadeo e a vila mariñeira de Rinlo” porque “manter o patrimonio e conservar a arquitectura das zonas históricas é fundamental”. Así o explicou Vega tras manter unha reunión de traballo coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, para coñecer máis de preto os apoios da Xunta en materia de rehabilitación e compra de vivenda nos cascos históricos que contribúen a dinamizar estas zonas.
Vega reitera que “a Xunta promoveu os convenios entre as distintas administracións que permitiron certificar máis de 2 millóns de euros en axudas para a rehabilitación de vivendas das áreas de rehabilitación dende que foron declaradas tanto en Rinlo coma no casco histórico de Ribadeo”. Ademais, o popular subliña que “a Xunta aportou 90.000 euros para financiar o servizo de asesoramento técnico no noso concello tal e como recolle o último convenio asinado no 2018”.
O voceiro popular explica tamén que non quere entrar en descalificacións; senón que se centra no traballo diario, “que é o que nos move: o traballo e a xestión en beneficio dos veciños de Ribadeo”.
Máis axudas á rehabilitación
Vega informa, nese sentido, das axudas das que se poden beneficiar os veciños como é o caso dos propietarios interesados en rehabilitar as súas vivendas. Así, ademais das axudas específicas para as áreas de rehabilitación integral; os interesados en rehabilitar as súas vivendas poden beneficiarse doutras axudas que convoca a Xunta.
De feito, está aberto prazo para solicitar aquelas relacionadas co programa de fomento de conservación e mellora de accesibilidade das vivendas e co programa de fomento e rexeneración urbana na área de rehabilitación integral do Camiño de Santiago do que se poden beneficiar os propietarios de vivendas das parroquias ribadenses polas que pasa o Camiño Norte. No primeiro caso, o prazo de solicitude remata o 30 de novembro e no segundo, o 30 de setembro.
Tamén ten convocado a Xunta axudas directas aos Concellos para rehabilitar inmobles e vivendas de titularidade municipal para destinalas ao alugueiro social e ás correspondentes ao programa de infravivenda. Así, o Goberno galego prevé mobilizar, unha vez que o Goberno central transfira á Comunidade os fondos estatais consignados, máis de 12 millóns de euros ao longo deste ano en programas de rehabilitación a través das cinco liñas de axudas convocadas este luns, entre as que se atopan as nomeadas anteriormente, e do programa Fondo de Cooperación cos concellos que a Xunta convocará en abril.
Compra de vivendas no casco histórico de Ribadeo
A Consellería de Medio Ambiente vén de anunciar tamén apoios para os compradores de vivendas nos cascos históricos entre os que se inclúe o de Ribadeo. A contía das axudas será de ata 12.800 euros por vivenda para os compradores menores de 35 anos e de 10.800 euros para os maiores desa idade, ata un límite do 20 % do prezo de compra da vivenda en ambos casos. As solicitudes poden presentarse ata o vindeiro 1 de setembro.