Ribadeo, a 30 de marzo de 2021. “A ideoloxía cérralles os ollos e non lles deixa ver o traballo e a necesidade que temos todos de traballar e impulsar a nosa vila, nestes momentos tan complexos”, afirma o voceiro popular, Dani Vega, en relación á actitude do BNG que votou en contra das tres propostas levadas a cabo polo seu Grupo Municipal, e que estaban destinadas a potenciar a vila dende o punto de vista económico, cultural e turístico.
Non a axudas para sectores estratéxicos
Foi o caso da moción sobre o Plan Reactiva Ribadeo, a través do que se pedía que se concretasen medidas económicas de reforzo a todos os sectores estratéxicos. Daniel Vega explica que non entende como se rexeitou esta medida cando noutras vilas aprobaron unha cantidade para apoiar ás empresas que están afectadas pola pandemia e, tamén, eliminar temporalmente de todos os impostos municipais, xa que “sorprendentemente anunciaron que non ían cobrar os do lixo e da auga, pero están chegando os recibos e fano cunha burocracia que é absurda”. “Dixéronnos que non, polo tanto, esta moción non saíu adiante. Non podemos entender como o BNG pide isto en Galicia e pide isto noutros concellos pero en Ribadeo non o practica”, insiste Dani Vega.
Non ao Xacobeo
Os populares lamentan que os dirixentes locais non queiran aproveitar o tirón do Xacobeo para impulsar o desenvolvemento do municipio. “Dixeron non á estratexia do Xacobeo 21-22 e a pedirlle á Xunta que arranxe o albergue, que invista no trazado do Camiño Norte e que que apoie a creación dunha marca comercial de Ribadeo como porta do Camiño Norte. Dende logo isto sería unha medida de impulso. É verdade que o BNG nos votou que non pero nós imos traballalo directamente co Goberno galego e imos xestionar axudas para levar a cabo estas tres actuacións”, adianta.
Non a explicar a herdanza do doutor Moreda
A terceira moción que recibiu os votos en contra do BNG foi á petición do Grupo Municipal popular de establecer unha comisión de seguemento para analizar profunda e absolutamente a herdanza do doutor Moreda.
“Ten un fin concreto que é arranxar o Hospital Asilo, pero o BNG segue ocultando información e vota que non á creación desta comisión de seguemento. Nesta comisión terían presencia todos os representantes políticos municipais, todo o corpo técnico, todo o corpo funcionario do Concello de Ribadeo, como son administrativos, traballadores de asuntos sociais e, tamén arquitectos; é dicir, creo que votar que non a esta moción é unha falta de respecto directa a todos os técnicos municipais. É unha falta de respecto tamén á familia porque a familia está apoiando esta comisión. E é unha falta de respecto a calquera tipo de colaboración entre as distintas administracións”, explica.
Non a mellorar Rinlo
Os populares tamén se preocuparon por como se atopa Rinlo, “cun estado de abandono absoluto”; situación que resulta inaudita cando Ribadeo, destaca Vega, “é unha vila mariñeira, unha vila total e absolutamente turística e, dende logo, non podemos entender como está así, tan abandonada”.
Non a mellorar as estradas da Deputación
Tamén preguntaron pola situación na que se atopan as estradas da Deputación. É o caso da vía que transcorre pola parroquia de Arante, que está totalmente desfeita. O mesmo acontece coa de Santalla e tamén a entrada baixando de Vilela a Ribadeo. Sobre esta última, Dani Vega advirte da perigosidade da ponte. “Esta infraestrutura está totalmente arruinada. Seguimos esperando por esa xestión que tanto presumen dende a Deputación e dende o Concello pero o abandono é absoluto”, remarca.
Pola contra, o Grupo popular segue sumando
Fronte a esta dinámica “do non polo non” dos dirixentes locais, o Grupo que lidera Dani Vega segue sumando e traballando. “É verdade que nos sigue insultando o goberno e o que dirixe o goberno segue con eses calificativos tan graciosos de insulto pero, dende logo, nós o que imos a facer é seguir xestionando polo ben do noso municipio”, conclúe.