Ribadeo, 3 de marzo de 2021. A axenda cultural da Concellaría de Cultura ribadense para os vindeiros meses arrincará este sábado, 6 de marzo, co concerto que ofrecerá Jamila Purofilin. A programación inclúe máis música, teatro con Chévere, Amorodos e Talía e diferentes propostas para os máis pequenos e pequenas da casa.
A concelleira de Cultura, Pilar Otero, dixo que “é un pracer estar de novo aquí logo do parón ao que nos vimos obrigadas pola grave situación que se está a vivir coa pandemia. Queremos comezar lembrando nesta presentación que o ámbito da cultura é dos máis seguros que existen fronte a actividade do covid 19, pois gárdanse escrupulosamente os protocolos, así que comezamos con moitas ganas, conscientes do importante que é que as persoas se poidan distraer vendo o que ofrecen os artistas. Os espectadores e as espectadoras precísano e tamén o sector da cultura, onde traballa moita xente que precisa que as administracións públicas fagamos o posible para que continúe a carga de traballo. Se todo se desenvolve entre unha relativa normalidade estamos artellando máis propostas, sobre todo no eido da música, máis polo de agora esta é a presentación do que xa podemos difundir”.
A edil ribadense anunciou que “comezamos este sábado, 6 de marzo, cun concerto con sabor ao Caribe. A intérprete cubana Jamila Purofilin, que xa nos ten visitado noutras ocasións, presenta En la Habana de noche. A súa voz magnífica estará acompañada por Yoanny Fonseca no piano, Eugenio Pérez no baixo, na percusión con José Ángel Pérez e Marjorie Díaz no saxo”.
Pilar Otero explicou que “a segunda é unha proposta moi ambiciosa pois se trata dun cancioneiro que leva por nome De botóns, así se lle chamaba ao acordeón diatónico en moitas zonas da Galiza. Consta dunha selección moi escollida de repertorio tradicional galego e das comarcas da contorna, adaptadas e arranxadas para este instrumento.
Editouse un libro con máis de cen cancións reelaboradas dende un profundo coñecemento, tanto do instrumento como da harmonía. É obra de dous autores, Carlos Quintá e Pedro Pascual, xunto cun equipo de persoas especializadas en diferentes áreas. Ademais o libro comeza cun preliminar escrito por Ugía Pedreira. Trátase dun equipo experimentado, coordinado por unha produtora rural veciña, xa que desenvolve o seu labor fundamentalmente na fronteira galaico-asturiana, Mialma Producióis”.
A concelleira de Cultura seguiu a relatar que “en canto á plástica, xa podemos anunciar a realización dun mural de homenaxe a Rosalía de Castro que levará a cabo, nas Castro Rúas, o grupo Concepto Circo. Acollémonos a unha das actividades patrocinadas pola Deputación de Lugo, como celebración do Día de Rosalía o pasado 24 de febreiro”.
Otero engadiu que “en canto ao teatro para adultos, os seareiros e seareiras de Chévere están de noraboa. Neste mesmo mes de marzo representan Curva España e antes do verán chegarán con As fillas Bravas e o mito de Casandra. A compañía Amorodos convídanos a ver Xente 2.0 e outra das formacións con máis seguidores como é Talía Teatro trae a súa Vida de cans”.
A edil engadiu que “nas suxestións para nenas e nenos Ribadeo segue a articular a súa oferta no programa APEGO. Esta mesma semana presentaremos unha programación específica para bebés, que está formada por espectáculos e obradoiros para familias. Para os máis grandiños, a partir de 5 anos convidámolos a ver o Teatro dos Ghazafelhos coa peza de Carvalho Calero As pitas baixo a choiva, a Raquel Queizás con Cimena Marabillas e Fátima Fernández fará un espectáculo arredor dos contos pop up que tentaremos que sexa no parque, se o tempo o permite. Lembramos que as persoas interesadas poden atopar información puntual da nosa programación cultural até o verán na páxina de facebook e a través da listaxe de correo electrónico”.