Ribadeo, 26 de marzo de 2021. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, mantivo unha reunión coa subdelegada do goberno en Lugo, Isabel Rodríguez. No encontro, celebrado esta mañá, abordáronse temas como a iluminación das rotondas de acceso a Ribadeo, as moitas fochancas que presenta a A-8 ao seu paso polo concello e as beirarrúas da Ponte dos Santos que o rexedor considera necesario ampliar un pouco para facilitar o paso de peóns, de bicicletas e de peregrinos, e que o único que habería que facer sería mover os valos de separación existentes.
O alcalde contou que “nesta reunión, por certo moi agradable, coa subdelegada do goberno en Lugo, lle trasladamos a nosa preocupación, que temos desde hai tempo no Concello de Ribadeo, para intentar buscar unha vía para iluminar dunha maneira definitiva estas rotondas, que están moi frecuentadas por peóns, que corresponden ao Ministerio de Fomento, concretamente na saída na autovía en Vilaselán, tamén en Dompiñor e a outra rotonda da Vilavella. Son rotondas que pertencen ao Ministerio de Fomento, pero que ou ben non teñen iluminación desde hai tempo ou a que teñen é absolutamente insuficiente desde o punto de vista da seguridade peonil dos viandantes, e hai que ter en conta que especialmente en Vilaselán é unha zona urbana para unha banda e outra da autovía. Polo tanto, comprometémonos entre as dúas partes a buscar unha fórmula para iluminar definitivamente estas rotondas”.
Suárez Barcia explicou que “tamén lle trasladei a preocupación, eu creo que dos de Ribadeo e dos que non son de Ribadeo, polo estado que non é correcto dun treito da autovía A-8, ao seu paso por Ribadeo, entre os quilómetros 512 e 516, que están cheos de fochancas.
Entendemos que lle hai que dar unha solución non de rebacheo senón unha solución máis integral da reposición do tramo enteiro”.
O rexedor ribadense indicou que “ademais lle trasladamos unha preocupación, eu creo que compartida non soamente por Ribadeo senón tamén polos nosos veciños e a Corporación de Castropol, sobre a Ponte dos Santos. Sabemos que este goberno do Estado, hai tres anos, procedeu á iluminación da ponte, o cal era unha inxustiza que a ponte durante anos estivera apagada, pero agora necesitamos que estas beirarrúas que posibilitan o paso dos veciños dunha banda e da outra, agora non pola covid pero esperemos que dentro de poucos días poida ser posible”.
Para Fernando Suárez “hai que ter en conta que estas beirarrúas que son o paso do Camiño Norte de Santiago, son demasiado estreitas, non compren ningún tipo de normativa e é necesario amplialas. Como somos sensatos, non pretendemos nin que se amplíe a Ponte dos Santos nin que se fagan cousas que serían impensables a día de hoxe, pero si pensamos, e os técnicos así nos indican, que estes valos que serven de división para que ningún viandante poida entrar nunha autovía e que están colocados por diante das farolas, se podían colocar por detrás delas. De todo isto sabemos que a xestión da Ponte dos Santos non é competencia de Galicia senón que por unha cuestión administrativa o Ministerio ten residenciada a competencia na parte asturiana, de aí que lles trasladei aos responsables galegos para que dialoguen coa Demarcación de Estradas do Estado en Asturias para que estuden a posibilidade de mover estes valos, para que precisamente se poidan ampliar un pouquiño máis estas beirarrúas e cando dúas persoas se crucen non se teña que achegar unha delas practicamente ao precipicio para que poida pasar a outra cunha certa comodidade”.