Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezan as obras incluídas na primeira fase do proxecto de aforro e mellora da eficiencia enerxética do alumeado público do casco histórico de Mondoñedo

Mondoñedo, 3 de marzo de 2021. En Mondoñedo comezan as obras incluídas na primeira fase do proxecto para o aforro e a mellora da eficiencia enerxética do alumeado do casco histórico, que terán un custo de 129.500 euros. Segundo as previsións dadas a coñecer, os traballos consistirán na substitución de parte das actuais luminarias por lámpadas LED, máis eficientes, e na actualización de dous cadros de mando existentes, para adaptalos á normativa vixente. No prezo deste contrato inclúese o compromiso asumido polo contratista de substituír 240 luminarias.

Coa execución das obras previstas, os técnicos estiman que se logrará un aforro enerxético do 48,11%. Na segunda fase está prevista a substitución doutro cadro de mando, así como a renovación doutra parte dos puntos de luz; o aforro enerxético estimado será do 59,20%.

O proxecto de intervención no alumeado do casco histórico de Mondoñedo recolle tamén a actualización do cadro de mando da iluminación ornamental da Catedral, para adaptalo á normativa vixente.

O Concello de Mondoñedo logrou captar no seu momento fondos procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, que xestiona o Ministerio de Transición Ecolóxica a través do Instituto para a Diversificación e o aforro da enerxía (IDAE), para a renovación do alumeado público exterior do casco histórico e o alumeado ornamental da Catedral. O obxectivo é diminuír o consumo e aumentar a eficiencia enerxética. Previamente, o Concello conseguira no 2019 unha subvención do IDAE para iniciar a renovación de puntos de luz no rural.

Exit mobile version