A Mariña, 9 de marzo, 2021. A CIG-Ensino considera como moi graves os feitos acontecidos no IES Illa de Sarón de Xove ao redor da difusión de cartaces informativos da folga do 8M por parte do alumnado e protagonizados pola Xefatura territorial de Educación e por un axente da Garda Civil.
Contextualización e relato dos feitos.
Dentro do contexto do 8m, a dirección do centro distribuíu aos representantes do alumnado, a través da Xunta de Delegadas, as informacións recibidas por parte de organizacións estudiantís sobre a Folga do día 8 de marzo.
Poucos días despois ten lugar unha chamada da Xefa Territorial de Educación de Lugo na que pide explicacións por este material informativo e demanda a retirada do mesmo dos taboleiros das aulas. O motivo que aduce finalmente para a retirada dos cartaces é que estes incumpren o protocolo Covid.
Tan só unhas horas máis tarde prodúcese outro feito anómalo no centro, e é a presenza dun axente da Garda Civil interesándose por estes cartaces dirixidos ao alumnado. Este axente non aduce nin aporta xustificación, autorización, orde ou motivo para presentarse no centro e realiza unhas fotografías dos cartaces co seu propio teléfono móbil.
Consideracións da CIG-Ensino.
Dende a CIG-Ensino consideramos correcto o modo de proceder do equipo directivo no que respecta aos pasos dados no traslado da Información ao alumnado, o que constitúe un exemplo de funcionamento democrático dunha institución académica, a maiores de resaltar o carácter e valor pedagóxico intrínseco de tal proceder.
Consideramos reprobábel, arbitraria, autoritaria e improcedente a actuación da Xefatura Territorial que, ao noso entender, se extralimitou nas súas funcións. En definitiva, cualificamos o acto de intromisión e censura informativa, coma nos peores tempos.
Consideramos especialmente grave a presenza dun axente da Garda Civil e a súa actuación neste tema xa que estes feitos retrotráennos a períodos tenebrosos da nosa Historia recente e semella que volven estar presentes cada vez con maior asiduidade. A este respecto a CIG-Ensino solicitará información sobre a actuación da Garda Civil á Subdelegación do Goberno en Lugo, para coñecer se a actuación do axente foi como resultado dunha orde expresa dalgún mando ou foi por iniciativa propia.
Por último queremos reiterarlle o noso apoio decidido e sen fisuras ao Claustro de Profesorado e ao alumnado do centro na seguridade de que estaremos sempre ao seu lado ante calquera situación deste tipo.