Site icon Crónica3.com A Mariña

CCOO chama a participar nas mobilizacións deste 8M

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2021. A secretaria de Muller e Igualdade de CCOO, Mamen Sabio, e o secretario xeral, Ramón Sarmiento, chaman a participar nas mobilizacións que hoxe convoca a plataforma Galegas 8M, da que forma parte a organización sindical. Sabio e Sarmiento afirman que o agravamento das desigualdades «carga de razóns» o movemento feminista para mobilizarse este luns.

Segundo Sabio, as mulleres seguen representando a «inmensa maioría» da poboación que abandona o mercado de traballo para asumir os coidados familiares, concretamente o 87,9 %. «Necesitamos acabar cos salarios de miseria, que haxa maior flexibilidade na xornada e que a corresponsabilidade sexa efectiva», apunta

Ao remate da concentración que tivo lugar esta mañá fronte á sede nacional de CCOO, en Santiago de Compostela, a sindicalista salientou que as mulleres «somos esenciais; este país non se pode erguer sen contar connosco», e lembrou que, durante a pandemia, «fomos protagonistas nos servizos esenciais, pero iso non se reflicte nin na nómina, nin en dereitos».

Pola súa parte, o secretario xeral de CCOO confirmou que este luns estará na manifestación que partirá ás 18:00 da compostelá praza 8 de Marzo. Coa súa presenza quere enfatizar que a clase traballadora galega, malia os momentos «tráxicos» vividos por mor da pandemia, «en ningún momento renunciou a manter abertos, de forma segura, todos e cada un dos espazos de mobilización».

Ramón Sarmiento, que tamén participou na concentración fronte á sede ancional, reiterou o chamamento a secundar as mobilizacións deste luns. «Ímonos seguir mobilizando e concentrando de forma segura, porque a gran mobilización feminista do ano 2018 pode esmorecer se non mantemos o espírito de loita daquel ano», e apelou a seguir as indicacións dos servizos de orde nas diferentes convocatorias.

Exit mobile version