Lugo 15 de marzo de 2021. A vicepresidenta Maite Ferreiro visitou esta mañá o colexio Rosalía de Castro, onde se desenvolveu un dos obradoiros do programa ilustrarNÓS, que inclúe máis dunha vintena de talleres, coloquios e intervencións artísticas en centros educativos da provincia.
A actividade, dirixida por Carlos Taboada e Quique Mauricio, do colectivo Polo correo do vento e baseada na biografía de Maruja Mallo, realizouse co alumnado de sexto de Primaria. A través da narración oral e do debuxo, os rapaces e rapazas da clase puideron achegarse á traxectoria da pintora surrealista e afondar nalgunha das súas obras máis coñecidas. Para finalizar o obradoiro, tomando como referencia a historia escoitada, os alumnos e alumnas realizaron a súa propia caricatura de Maruja Mallo.
A mesma actividade desenvolveuse durante a mañá no CEIP Anexa, tamén con alumnado de sexto de Primaria.
A vicepresidenta Maite Ferreiro agradeceu “a boa acollida das actividades, que se puxeron en marcha o 30 de xaneiro, coincidindo co Día da Ilustración, e que continuarán ata o vindeiro mes de maio. Valoramos moito a colaboración por parte do profesorado, máis neste momento no que sabemos que están a facer un sobreesforzo para afrontar os cambios e as dificultades que trouxo a pandemia”.
Maite Ferreiro, que estivo acompañada polo tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, e polo concelleiro de Educación, Felipe Rivas, sinalou que a programación chegará “a centros educativos duns quince concellos, co que incidimos no compromiso da área de Cultura de achegar as actividades a todas as comarcas”.
Bea Lema, no IES Monte Castelo de Burela
A axenda de ilustrarNÓS para este luns, completouse cun coloquio da ilustradora Bea Lema no IES Monte Castelo de Burela. A creadora coruñesa compartiu co alumnado do Bacharelato de Artes a súa traxectoria creativa e profesional.
Así, afondou nas fontes de inspiración e referentes da súa novela gráfica “O Corpo de Cristo”, na que trata a enfermidade mental desde a perspectiva dunha nena. Tamén expuxo os detalles doutros proxectos que está a desenvolver como a ilustración dunha colección de libros para unha editorial China.
“Ademais do proceso creativo, falamos da ilustración como profesión, como oficio. O alumnado estaba interesado en coñecer eses aspectos. Creo que é positivo que rapaces e rapazas que queiran encamiñar a súa traxectoria cara a ilustración teñan teñan referentes ”, explicou Bea Lema ao remate do coloquio.
Próximas datas
A vindeira cita de ilustrarNÓS será o vindeiro xoves, 18 de marzo, na Escola de Artes Ramón Falcón, cunha conferencia a cargo de membros da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (Agapi) e unha obradoiro dirixido por Bea Lema.
A ilustradora tamén visitará o IES Pedregal de Irimia de Meira o 22 de marzo e o IES A Pinguela de Monforte de Lemos o 7 de abril. Os próximos obradoiros de Polo correo do vento serán o 22 de marzo no CEIP Lagostelle de Guitiriz e no CPI Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel.
O programa tamen inclúe a realización de 12 murais no entorno de centros educativos, deseñados polos muralistas Ana Santiso, Rubén Paz e David Fernández “Davixino”. A primeira intervención será a vindeira semana no CEIP Palas de Rei.
En marcha, o certame ilustrarNos
Os centros educativos están tamén convidados a participar no certame ilustrarNÓS. As alumnas e alumnos que desexen participar deberán realizar unha ilustración tomando como referencia unha das citas de Alfonso Daniel R. Castelao indicadas nas bases do certame en función de cada etapa educativa.
Para 5º e 6º de Educación Primaria, proponse a cita “-Que comerá o rei?; no caso de 1º e 2º de ESO, proponse realizar o exercicio creativo arredor da frase “Vale máis unha terra con árbores nos montes ca un Estado con ouro nos bancos”; para 3º e 4º de ESO, o punto de partida é a coñecida “Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”. Para Bacharelato e ciclos formativos, elixiuse como premisa creativa “O verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideas en feitos”
O prazo para participar manterase aberto ata o 23 de abril, coincidindo co Día do Libro.