Burela, 3 de marzo de 2021. Hoxe celébrase o Día Mundial da Vida Silvestre, que ten por lema Bosques e medios de vida: sostibilidade dos pobos e do planeta. As monitoras de Gaia, do Concello de Burela, realizan actividades co alumnado do Ceip Vista Alegre.
A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, explicou que “para celebrar o Día Mundial da Vida Silvestre estamos facendo actividades cos alumnos de Infantil, 1º e 3º de Primaria do Ceip Vista Alegre. Todas van sobre a reciclaxe. Con 4º de Infantil as monitoras de Gaia traballaron o contedor azul, con 5º de Infantil o contedor verde e con 6º de Infantil o contedor amarelo. Con todos estes grupos fixeron un espectáculo titulado As magas da reciclaxe co que os rapaces e rapazas aprenderon a reciclar correctamente; unha manualidade con material de reciclaxe e un xogo de pesca de envases”.
A edil burelesa engadiu que “con Infantil estivemos o luns, o martes e hoxe. Mañá, o venres e o martes da semana que vén tócalles a quenda a 1º e 3º de Primaria, cos que tamén trataremos a reciclaxe e o compost con diferentes actividades”.