O material entregado consiste en dúas unidades didácticas diferentes en papel: unha específica para educación infantil baixo a denominación ‘Elas son animais’ coa que traballan sobre os nomes femininos dos animais e outra unidade didáctica para secundaria nomeada ‘Feminismos’. Pero tamén fixeron chegar a través de correo electrónico vídeos nos que se da a coñecer a traxectoria científica dalgunhas galegas que dirixen proxectos de investigación internacional.
A concelleira popular ribadense responsable da área de Educación e Cultura, Begoña Sanjurjo, considera que “o 8M é momento para reflexionar sobre os avances logrados, pedir máis cambios e celebrar con valentía a determinación das mulleres que xogaron un papel clave na historia dos seus países e comunidades”.
Sanjurjo explica que “a ONU escolleu este ano un lema no que fala de mulleres líderes que agardamos que se faga realidade neste 2021” tendo en conta que, ata o momento, “os postos de dirección son, en moitos casos, aqueles nos que costa ver a unha muller”, indica.
Educar en igualdade
A concelleira popular agradece ao profesorado de tódolos niveis “o seu esforzo por educar en igualdade” e por “formar a mulleres e homes responsables e comprometidos coa sociedade e con capacidade para dar resposta aos retos dun mundo cada vez máis global e complexo”.