Barreiros, 5 de marzo de 2021.- As tres forzas con representación na corporación municipal de Barreiros, BNG, PSOE e PP, veñen de asinar unha declaración institucional unánime polo 8M. A firma do documento levouse a cabo no salón de plenos do Concello, onde as tres portavocías e a alcaldesa estiveron acompañadas pola práctica totalidade da corporación municipal.
A alcaldesa barreirens, Ana Ermida, explicou que promoveron este acto unánime para trasladar á sociedade que non é o momento de criminalizar nen xulgar os movementos pola igualdade, senón que o prioritario é traballar conxuntamente para acadar a igualdade real entre mulleres e homes; desde o respecto absoluto aos medios ou accións que se leven a cabo para acadar o resultado final.
Na declaración institucional faise especial referencia á situación que provocou a aparición da covid-19, amosando a profunda desigualdade do sistema social e económico, que reserva para as mulleres os traballos máis precarios e invisibilizados, moitos deles sen cobertura legal. Sinala tamén que as medidas encamiñadas á contención do virus agravaron as crueldades do machismo e a violencia sobre as mulleres. E declaran que “non podemos consentir que esta sexa a excusa para retroceder nos nosos dereitos e desde logo esta crise non a imos a pagar as mulleres.”
A campaña institucional desenvolverase de xeito virtual
O Concello desenvolve tamén unha campaña virtual, que consiste nun chamamento ás mulleres de Barreiros para amosarlle ao mundo a Rosie que levan dentro, en alusión á icónica imaxe do feminismo da mensaxe do “We can do it”.
Desde a área de igualdade, dirixida por Montse Porteiro, animan a todas as mulleres á inmortalización da súa imaxe Rosie, “partillándoo nas redes sociais e usando os cancelos #RosieViveEnBarreiros e #RosieViveEnMin.” O próximo luns 8 de marzo as redes sociais municipais darán difusión a todas as Rosies barreirenses.
Tamén na propia xornada do 8 de marzo, ás 12 horas, farase pública por ese mesmo medio a declaración institucional unánime nunha lectura virtual, manifestando así o compromiso do municipio barreirense co fomento e defensa da igualdade entre homes e mulleres, o 8M e os restantes trescentos sesenta e catro días do ano, traballando para acadar un Barreiros no que vivir “libres e iguais.”